XOVES 22 DE OUTUBRO, CONFERENCIA DE CARLOS MÉIXOME ARREDOR DE DONA EMILIA PARDO BAZÁN E AS TERRAS DO CARBALLIÑO


O xoves 22 de outubro, ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras unha moi interesante conferencia pronunciada polo historiador e escritor Carlos Méixome arredor da figura de Dona Emilia Pardo Bazán e as Terras do Carballiño.

Amais, Carlos aproveitará a ocasión para presentar seu libro “Polo avieiro de Dona Emilia” editado por Galaxia. Avieiro, hidrotopónimo nacido da farturenta creatividade de Emilia Pardo Bazán, fundindo de Avia e Arenteiro, sérvelle ao autor para imaxinar o seu propio e difuso territorio, co Carballiño no centro, para percorrelo da man da que denomina “triloxía pardobazaniana do Avieiro” (El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza) e ofrecernos unha manchea de memorias persoais, familiares, colectivas, xeracionais, retratos de persoas das que se sente debedor, pescudas historiográficas diversas, algún que outro segredo de familia e, ao tempo, guiarnos na localización física, familiar e emocional das tres obras de dona Emilia.

Actividade subvencionada por: