O venres 11 de setembro ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras un interesante parladoiro co Presidente da Fundación Otero Pedrayo, o profesor Eduardo López Pereira, arredor da inmensa figura do polígrafo por excelencia, Otero Pedrayo. A continuación terá lugar a proxección do documental “Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe“, dirixido por María Xosé Bravo Bosch. Un achegamento tratado de xeito diferente á figura deste escritor, xeógrafo e intelectual galeguista, e a súa forma tan persoal de sentir Galicia a través da interacción paisaxe-paisanaxe, tan de raiceira franciscanista, panteista, céltica…
Actividade coa que Amigas e Amigos dos Museos de Galicia se suma ao cincuenta aniversario do pasamento do escritor o 10 abril de 1976. Atendendo tamén a que o noso colectivo lle concedeu o Premio Pedra do Destino 2026 á Fundación Otero Pedrayo, a que custodia na Casa-Museo de Trasalba o seu legado entregado ao Pobo Galego, así como a sua memoria de bo e xeneroso. Lección de humanismo que tanto aquece a este tempo desnortado, no que esvaece o espiritual entre o material… como tanto matinaba e espallaba, seguindo os presupostos da súa Xeración Nós, de inadapatados, diferentes… que ben sabían que a orixinalidade dun pobo radicaba nas súas orixes, sobre as que re-crear.
Entrada libre ata completar aforamento.

Actividade subvencionada por:
