DOMINGO 30 DE AGOSTO: XEIRA A TERRAS DE CUNTIS, MORAÑA E PETROGLIFOS DE CAMPO LAMEIRO


Para o vimdeiro domingo 30 de agosto, continuando co noso programa de itinerarios e xeiras deseñadas para fuxir dos circuítos convencionais e achegarnos ao verdadeiro latexar do noso patrimonio cultural, propoñémosvos esta fascinante viaxe polo corazón da provincia de Pontevedra. Unha ruta que enlaza a fonda tradición termal e etnográfica de Cuntis, Moraña, patria de arrieiros, paisaxe ancestral… centrándonos no parque arqueolóxico de Campo Lameiro e o seu centro de interpretación .

Achegamento ás Terras de Cuntis: Iniciaremos o percorrido mergullándonos nun territorio historicamente marcado polas súas augas e Mananciais, o termalismo e a pegada dunha poboación que soubo aproveitar os recursos naturais desde tempos antigos, integrando patrimonio civil e relixioso nunha contorna natural privilexiada. Singularizada por presumir de sobranceira obra arquitectónica de Antonio Palacios, así como escultórica de Asorey e de Picallo…

Patrimonio e Etnografía en Moraña: Continuaremos cara ás terras de Moraña, patria de saberes arrieiros, un espazo de tránsito e tradicións agrarias profundas, onde a pedra e a arquitectura popular dialogan coa historia das nosas parroquias e pazos, testemuñas dunha rica dinámica social e cultural. Co celebrado santuario da Virxe de Amil e gran riqueza arqueolóxica, tal como a pedra fita de Gargantáns…

A Arte Rupestre de Campo Lameiro: xornada centrada pola especial visita ao máis sobranceiro da súa arte rupestre: o conxunto da Rotea de Mende e Castro de San Antoniño, para complementalo coa explicación do Centro de interpretación do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) , coñecendo ademais a sua contorna. Un dos conxuntos de petróglifos máis importantes de Europa. Niste verdadeiro santuario ao aire libre, os gravados da Idade de Bronce (labirintos, cervos, cazoletas e combinacións xeométricas) falaranos do simbolismo, as crenzas e a cosmovisión das xentes que poboaron estas terras hai máis de catro mil anos: a importancia do gando, a domestiación dos cabalos, a impotancia das fontes e do mundo astral… Unha lección maxistral de arqueoloxía integrada na propia natureza. Espazos de arqueoloxía viva, de etnografía, como a celebre rapa das bestas da inmediata parrroquia de Sabucedo.

E xa por istes arredores de Pontevedra, residencia de ilustres creadores/as, complementaremos un día cargado de coñecementos arqueolóxícos, etnográficos… Finalizando un recorrido por Mourente, a porta ao universo da arte dos canteiros.

Viaxar co noso colectivo é moito máis ca desprazarse: é convivir, compartir e descifrar o que os seres humanos fixemos e desfixemos ao longo dos séculos na nosa contorna. Nesta xornada, e como noutras, teremos a oportunidade de ler a paisaxe como un gran museo aberto.

E como sempre non faltará un xantar enxebre popio destas terras, as que ben saben celebrar a súa gastronomía arrieira. Esperámoste.

Podes anotarte entón en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) ou chamando ao teléfono 981 21 01 01, de luns a venres 19 a 21 horas.