AMIGOS DOS MUSEOS DE GALICIA
PROGRAMA DE ACTIVIDADES 2026
A CULTURA, A SINGULARIDADE FRONTE Á ESTANDARIZACIÓN
Velaquí a proposta de actividades para o ano 2026, cando o noso colectivo cumpre medio século de vida ininterrompida. Convite a participar, a sumarte á inmensidade desa cultura que nos identifica, noso singular aporte á diversidade do universo (uni-versidade: universidade). Cultura que levamos posta, como un xesto de resposta para resolver a vida, composta por tradicións, creacións, relacións e sempre en devalar, sufrindo tamén das imposicións interesadas do mercado que tentan convertela nun esperpento, produto para días, actos, cerimonias, abafada no tufo do endomingado. Non faltarán cabodanos, conmemoracións que aproveitaremos para poñer en escena o verdadeiro sentir do que cultivamos colectivamente e se chama cultura: a celebración do 1 de Abril como Día das Artes Galegas, dedicada ao fotógrafo allaricense Xosé Suárez Fernández (1902-1974), o 17 de maio, Día das Letras Galegas, dedicado nesta ocasión pola Academia Galega á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño (1964-2014), o 18 de maio Día Internacional dos Museos… tendo tamén en conta que neste ano fai cincuenta anos do pasamento do ourensán don Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), onde Trasalba será foco no que beber do espírito de Nós, o daquel humanista tan seguido nas nosas actividades coñecendo Galiza, tendo como referente a súa guía e a ansia de bo e xeneroso. Ano tamén do centenario do pasamento de xenial músico coruñés Marcial del Adalid (1881-1826)… Sobrarán pois motivos cos que animar a cultura, como sedución, elemento de igualdade en busca da liberdade e da Paz.
Canto facemos tratará de singularizar a cada persoa, a diferenciarse desa tendencia a estandarizalo todo, á masificación, tendencias que alimentan a turismofobia. E para iso está noso espazo de Portas Ártabras, un recanto de cultura no corazón da Cidade Vella da Coruña, onde cada día hai algo no que furar no universo da cultura, así como a serie de viaxes que, entre tanta competitividade, destinguirémonos pola dedicación, por fuxir dos estereotipos, para facelos á medida de quen gusta de saber de todo, das tradicións, da arqueoloxía, dos museos, da arte, de moda, da contemporaneidade dos sitios que se visitan e para iso necesitamos da ansia e da colaboración de quen desexe acompañarnos. Velaquí, esperámoste.
ANOTARSE NAS XEIRAS OU ACTIVIDADES
Os condicionantes de axencia, infraestrutura (transporte, hoteis), concertar visitas excepcionais, esixen certa coordinación e compromiso, polo que agradecemos inmensamente que @s interesad@s deixen constancia do seu interese cunha antelación que permita programar a actividade co éxito que se merece.
AMIGOS DOS MUSEOS DE GALICIA
2026 PROGRAMA DE ACTIVIDADES 2026
XANEIRO
* Mes de inicio do ano que sirve para reorganizar aspectos de programación.
FEBREIRO
* 2 Luns: dentro do programa de proxeccións para todos os luns que seguen, iniciamos con conversas arredor do Imbolc gaélico, céltico e do Entroido.
* 15 domingo: Xeira da Aventura por un representativo Entroido de Galicia.
* 26 xoves: Asemblea anual de soci@s, 20 hrs. En Portas Ártabras.
MARZO
* 7 sábado: Xeira á Trasalba de Otero Pedrayo, seguindo a Oseira.
* 21 sábado: Monforte de Lemos e os seus museos.
* 28 sábado: Visita de tarde á exposición sobre Asorey na Cidade da Cultura, Compostela.
ABRIL
* 1 mércores: “Día das Artes de Galicia”, dedicado ao fotógrafo Xosé Suarez.
* 12 domingo: Xeira para coñecer integralmente Allariz e a súa contorna.
* 18 sábado: Celebración do “Día Internacional dos Monumentos e os Sitios”.
* 26 domingo: Xeira ás terras de Ortegal.
MAIO
* 10 domingo: Xeira a Terras de Alfoz, S. Martiño de Mondoñedo e Sargadelos.
* 17 domingo: “Día das Letras Galegas” dedicado á xornalista Begoña Caamaño.
* 18 luns: “Día Internacional dos Museos”. Acto en “Portas Ártabras” e no que se dará a coñecer o “Premio Pedra do Destino 2026”.
* 31 Domingo: Xeira ás Médulas, o seu emporio mineiro do ouro.
* Nunha tarde deste mes, realizarase unha visita especial ao pazo do Faremello e a súa contorna. Preanotarse e comunicarase día e hora.
XUÑO
* 14 domingo: Terras de Lalín, Doade e a súa Casa do Patrón.
* 28 domingo: Xeira a terras de Grandas de Salime. Arqueoloxía, etnografía…
XULLO
* Primeira quincena: Viaxe antolóxica a Perú e á cultura Inca (Ver programa especial e preinscribirse en Ciberviaxes, rúa Menéndez Pelayo, 12, Coruña – tfn.: 981216600)
* 26 domingo: Xeira aos montes dos Ancares.
AGOSTO
* 9 domingo: Xeira a Soutomaior, Xende, Fornelos de Montes.
* 30 domingo: Xeira a Terras de Cuntis, Moraña e Petróglifos de Campo Lameiro.
* En data e tarde que se fixará, farase unha visita a Sobrado e Terras de Curtis, lembrando a María Antonia Dans. Preanotarse.
SETEMBRO
* 13 domingo: Tradicional xeira ao Courel de Novoneyra.
* 25 – 26 – 27: Viaxe á portuguesa Serra da Estrela (Grupo moi reducido).Preinscribirse en Ciberviaxes, rúa Menéndez Pelayo, 12. Coruña – tfn.:981216600).
* En data e tarde que se fixará, farase unha visita a Buño e Malpica.
OUTUBRO
* 11 domingo: Xeira por Terras da Limia, Vilar de Santos e Monterrei.
* 25 domingo: Xeira pola Ribeira Sacra Ourensán, a do Miño.
NOVEMBRO
* Primeira quincena: Viaxe a Emiratos Árabes: Abu Dhabi, Dubai… súas sorprendentes arquitecturas, museos e iniciativas turísticas. Preinscribirse en Ciberviaxes rúa Menéndez Pelayo, 12. Coruña – tfn.: 981216600.
* 16 luns: “Día Mundial do Patrimonio Cultural”.
* 29 domingo: Xeira ao Morrazo, Costa da Vela, e Cangas.
* Nunha tarde realizarase unha visita especial ás cubertas, Museo e Catedral de Santiago. Preanotarse e comunicarase o día e hora.
DECEMBRO
* 17 xoves: Despedida de ano en Portas Ártabras.
* 20 domingo: Xeira polas sorprendentes terras lucenses do Val de Neira.
Viaxes longas previstas para o futuro. Mesmo pódense propoñer outras. Trátase de itinerarios de “deseño”, fora dos programas convencionais. Ante todo tendo moi presente a seguridade, como a realización da totalidade do programa:
*Primavera: Escocia // Sicilia, Sur de Italia // Malta
*Outono: Chicago, ruta 66 // Perú // Cuba

* Cidades: Berlín // Hamburgo // Valencia // Cordoba // Huelva…
* Entre outras xeiras, que incluso poden repetirse con grupos minoritarios, engadirse ou substituír algunha das programadas, sempre en función da seguridade e éxito …
RESUME DE PROGRAMAS PROPOSTOS QUE SE IRÁN CONCRETANDO:
COÑECER, QUERER E DEFENDER O PATRIMONIO CULTURAL
Este é un programa inacabado. Da propia dinámica improvisaranse e nacerán outras actividades. As “Portas Ártabras” están abertas a recibir e informar.
“COÑECER GALICIA”
Viaxar de xeito colectivo é algo máis que aprender, é convivir, compartir o que os seres humanos fixemos e desfixemos ao longo da historia: arqueoloxía, arte, etnografía, paisaxe… Deste xeito, a institución do museo proxéctase máis alá do seu continente e das vitrinas ao verdadeiro escenario do acontecer cotián. Roteiros estudados para cada estación do ano, onde sempre haberá algo novo por sentir.
“COÑECE A TÚA CIDADE”

A cidade define aos seus habitantes, verdadeiro museo de actores, onde todo comunica a quen sensiblemente se achega a preguntarlle. Son xeiras explicadas polas propias rúas da cidade, as súas institucións, monumentos e empresas.
“COÑECE OS TEUS MUSEOS”
Hai algo máis que o continente dun museo e que o mesmo contido, formado por obras de arte, por artefactos, curiosidades e explicacións. A institución do museo é un xeito científico de conservar, documentar, estudar, divulgar ou sensibilizar, algo ao que achegarse, a fin de implicarse con canto significa e dignifica a cultura.
PORTAS ABERTAS A OUTROS COLECTIVOS
O noso espazo de cultura está aberto a todos os colectivos que ansían sensibilizar sobre a inmensidade cultural, máis aínda cando coa crise se pechan e limitan espazos para o encontro. Os martes son días dedicados a estes colectivos.
“LUNS DE PROXECCIÓNS DE ARTE
Proxeccións de documentais e audiovisuais de autoría propia que introducen a diferentes aspectos da Historia, a Arte, a Etnografía….
“XOVES DE VIAXES”
Un día de cada semana pra presentación de itinerarios ou pra compartir experiencias vividas: proxeccións, fotos, intervencións…
“SEGUNDO XOVES DE MES”: SIMBOLISMO
O enxeñeiro e especialista en simboloxía medieval Xosé Luís García Dornelas, cada segundo xoves de mes, axudado de imaxes, introduce á linguaxe dos símbolos.
CICLO “COMO SE VISITA UN MUSEO”
Cursiño anual dirixido especialmente a pedagogos, estudantes de turismo, animadores culturais, co ánimo de iniciar sobre as posibilidades didácticas e limitacións que ofrece a institución do museo. Experimentando xeitos de interpretar a cidade e o medio como un museo activo que tanto define aos cidadáns de onte, como aos de hoxe. Repaso do estado da cuestión dos museos galegos.
TERTULIAS, CONFERENCIAS, CURSOS
Seminarios feitos de xeito teórico-práctico coa ansia de sensibilizar encol do valor cultural das creacións e os camiños da Arte, Arqueoloxía, Historia, Etnografía…
1 DE ABRIL: “DÍA DAS ARTES DE GALICIA”
En conmemoración da mesma data do ano 1188 no que se erguen os linteis do Pórtico da Gloria, baixo a dirección do Mestre Mateo e segundo consta labrado nos mesmos. Neste 2026, dedicado pola Academia G. de B. Artes ao fotógrafo allaricense Xosé Suárez Fernández (1902-1974).
18 DE ABRIL: “DÍA INTERNACIONAL DOS MONUMENTOS E DOS SITIOS ”
Celebración da xornada para coñecer o estado da cuestión sobre o patrimonio cultural como escenario da “memoria colectiva” e como recurso.
18 DE MAIO: “DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS”
Celebración dedicada a espallar a significación do museo na educación e na cultura. Xornada na que se da a coñecer o “PREMIO PEDRA DO DESTINO” á conservación e difusión do patrimonio cultural.
16 DE NOVEMBRO: “DÍA DO PATRIMONIO MUNDIAL”
Xornada pra unha reflexión sobre o estado da cuestión e rendibilidade do patrimonio cultural máis significativo
CONCURSO FOTOGRÁFICO “OBXECTIVO DA MEMORIA”
O tema é o estado da cuestión do Patrimonio Cultural de Galicia. Bases na web.
_________________________________________________________________________________________________________
Dende “Portas Ártabras”, seguimos a renovar ese espírito humanista. O noso espazo de cultura na Cidade Vella coruñesa ven a ser como a renovación daquela romántica “Cova Céltica” coruñesa ou daquela taberna ourensá de “O Volter”, onde patriarcas e humanistas da Galiza conversaban cos mozos e falaban do divino e do humano, queremos dicir de asuntos tan teosóficos, máxicos, como terreais, os relativos á liberdade fronte á opresión, abandeirando sempre un principio de igualdade e de humanismo: o de endexamais á explotación dun ser humano por outro… Asumimos ese papel de igualdade e tolerancia, melloramos entón dende aquela sociedade patriarcal.
Pois así é que dende este noso espazo de encontro – tras do camarín da Virxe da Estrela, un mito con fondas raiceiras mariñeiras, venusianas – abrímonos aos camiños do mundo a través das xeiras por Galiza, como por outras partes do mundo.
Respecto ao pasado aceléranse máis as mudas, motivadas polas novas tecnoloxías, por novos retos enerxéticos, polo consumismo, pola globalidade, mesmo polas pandemias, todo o que nos obriga a virar conductas, a buscar solucións a través da cultura, da responsabilidade individual e colectiva: a solución está nunha educación, a todas horas e en todos os ambientes.
Así é que velaquí seguimos, dispostos a ofrecer positividade, optimismo, crenza no ser humano para convivir en alegría, para compartir saber e un noso mundo para coñecelo, querelo e defendelo, como vimos dicindo dende sempre.
