MARTES 10 DE NOVEMBRO, PALESTRA DE DAVID FONTÁN: “RECONSTRUÍNDO TERRITORIOS SUSTENTABLES. O PAPEL DA HISTORIA AGRARIA EN TEMPOS DE CRISE SOCIOECOLÓXICA” (O FACHO)


O vindeiro dia 10 de novembro dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2026, organizadas pola Agrupación Cultural O Facho, o historiador e xornalista David Fontán Bestilleiro impartirá en Portas Ártabras unha palestra co título:

“Reconstruíndo territorios sustentables. O papel da historia agraria en tempos de crise socioecolóxica”

Data: 10 de novembro, martes

Hora: ás 8 do serán

Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña

David Fontán (A Coruña, 1992), ademais da súa carreira profesional nos campos do xornalismo e a comunicación, desde 2020 desenvolve a súa carreira como investigador no ámbito da historia rural e agraria vinculado ao grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

A comezos de outubro de 2026 defendeu na USC a súa tese de doutoramento, que leva por título Comunais, conflitos e sustentabilidade nos agroecosistemas da Galiza atlántica (s. XVIII – s. XXI). Articulación e desarticulación do territorio, do marco orgánico ao industrial. A tese puido desenvolverse grazas a ter accedido a unha axuda predoutoral da Xunta de Galicia e a unha bolsa de investigación da Deputación da Coruña, ademais de contar co apoio de varios proxectos do grupo Histagra.

Ademais, durante os últimos anos compaxinou este traballo coa súa participación no Laboratorio Ecosocial do Barbanza (https://barbanzaecosocial.org/), un proxecto de investigación-acción participativa e historia aplicada que busca contribuír para unha maior resiliencia e sustentabilidade do territorio e das comunidades locais. A primeira parte deste proxecto deu lugar ao libro Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as chaves do futuro, accesible a través da súa páxina web.

A partir da súa traxectoria investigadora, o autor exporá de que xeito a análise histórica con perspectiva aplicada nos pode axudar a comprender mellor a situación actual do mundo rural galego, así como a pensar en novos camiños que redunden nunha maior sustentabilidade desde o punto de vista social, económico e ambiental.