O venres 23 de outubro ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación de “RUMIANDO. As ovellas fixéronme pastora“, libro de Josebe Blanco Álvarez. Amais da autora participará no acto Celia Pereira Porto.
Josebe Blanco, aínda que galega de nacemento, sempre viviu en Euskal Herria. Antes de incorporarse ao rabaño, traballaba como profesora de eúscaro. Despois dunha excedencia decidiu quedarse na casa a traballar e, xunto coa súa familia, leva doce anos formando parte dun rabaño de ovellas latxas e facendo queixos co leite das súas ovellas, en Guipúscoa.
“RUMIANDO. As ovellas fixéronme pastora” recolle o día a día da autora co seu rabaño. Entre ovellas e bosques autóctonos que se estrañan, a palabra de Josebe pastorea libre entre anotacións íntimas, poemas, rexistros dos animais, prados, tarefas e queixos, e reflexións acertadísimas ao redor do noso sistema alimentario, a situación crítica da gandaría extensiva e dos pequenos produtores.
Rumiando non é só un testemuño arredor do pastoreo e da gandaría, senón tamén un espello que nos devolve todo aquilo que perdemos e todo o que poderiamos recuperar. É un manifesto de luz que nos pregunta tamén sen medo como queremos vivir, de que maneira miramos o mañá, cales son as memorias que non estamos dispostos a perder.
Entrada libre ata completar aforamento.
