O xoves 15 de outubro ás 20:00 terá lugar en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) a presentación de “MINIATURAS E OUTRAS DIMENSIÓNS” de Xosé María Álvarez Cáccamo, libro editado por Galaxia. Amais do autor, o acto contará coa poeta Eva Veiga.
Esta colección de relatos organízase en dúas unidades, onde os formatos reducidos das “Miniaturas” contrastan cos máis extensos do apartado “Outras dimensións”. O tempo comprimido das “Miniaturas” expándese no proceso de reinterpretación de motivos míticos e históricos, procedemento, non exclusivo no conxunto destas narracións, que dirixe, entre outras, a relectura da coñecida historia dun teimoso dinosauro inextinguible. Reincidentes pesadelos sufridos polo autor transformáronse no discurso das “Outras dimensións”, termo que fai referencia tanto á maior extensión dos relatos como á perspectiva onírica que os dirixe e que quere transmitir, por exemplo, a angustia provocada polo hábito da impuntualidade incontrolable —que o autor non practica, aínda que a sufra en soños—, pola obriga de regresar ás aulas da universidade como estudante ou ás do instituto como profesor en tempos de pletórico estado de xubilación.
Entrada libre ata completar aforamento.
