MÉRCORES 9 DE SETEMBRO: PRESÉNTASE O Nº 18 DA REVISTA NOVA ARDENTÍA


O mércores 9 de setembro ás 20:00 terá lugar en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22 – A Coruña) a presentación do número 18 de NOVA ARDENTÍA, a Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial editada por Culturmar.

No acto de presentación intervirán:

Emilio X. Ínsua (Coordinador da revista)

Manuel Lara (Consello de redacción)

Xaquín Lores (Consello de redacción)

Entrada libre ata completar aforamento.

A revista naceu en xullo de 2004, inicialmente co nome de Ardentía, baixo a dirección de Luís Rei Núñez (1960-2015) e cos membros do Colectivo Etnográfico Mascato do Salnés como principais redactores, coa misión específica de arroupar a celebración do Encontro de Embarcacións Tradicionais que organiza a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.

O obxectivo xeral da revista é contribuír a divulgar o labor de todos os grupos que compoñen Culturmar tendente ao estudo, recuperación e dignificación da cultura nacida arredor dos nosos mares e ríos e publicar traballos de investigación e divulgación (artigos, entrevistas, crónicas, reportaxes, etc.) que dean conta das variadísimas vertentes que esa cultura presenta.

Nas súas páxinas abórdanse por iso asuntos de moi variada índole (etnografía, antropoloxía, economía, tecnoloxía, historia, arte, literatura…) e inclúe varias seccións fixas: o editorial “A Atalaia”, “A que andamos?”, “Artistas do mar”, “Sino de proa”, “Letras na almadraba”, “Lecturas para navegantes”, “Espazos para saber do mar”…