MARTES 13 DE MAIO, PALESTRA DE MANUEL RICO: “A HISTORIOGRAFÍA DOS CANCIONEIROS DE MÚSICA TRADICIONAL DE GALICIA” (O FACHO)


Desde a Agrupación Cultural O Facho  vos comunicamos a celebración  do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do segundo trimestre de 2025.

O vindeiro día 13 de maio, o profesor e investigador sobre a música tradicional galega Manuel Rico Verea impartirá unha palestra co título: 

Día das letras galegas 2025: A historiografía dos cancioneiros de música tradicional de Galicia

Data: 13 de maio, martes

Hora: ás 8 do serán

Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña

Manuel Rico Verea desenvolve a súa actividade docente en Madrid, no país Vasco e, de volta a Galicia no ano 1978, implícase directamente no proceso de normalización da lingua galega na súa actividade pedagóxica e na súa actividade laboral, no Gabinete de Normalización Lingüística da Coruña. Este compromiso co proceso de normalización lévao a desenvolver unha actividade de creación, investigación  e publicación de obras sobre a música tradicional e a súa aplicación pedagóxica e outras obras de lingua, de literatura e da actividade normalizadora.

Formou parte do grupo musical A Quenlla. Actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional. Autor de diversas publicacións no ámbito musical, pola súa actividade cultural na radio e na prensa recibiu o Premio do Ministerio de Cultura á mellor labor cultural continuada no ano 1985, o Premio do Ministerio de Cultura ó mellor programa radiofónico no ano 1987 e o Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1989 que se emitiu en Radio Nacional de España en Galicia.

Sinopse da Palestra:

O día das Letras Galegas deste ano 2025 está dedicado ás cantareiras Adolfina e Rosa de Cerceda, Asunción e Prudencia Garrido Ameixenda, mais Manuela Lema de Malpica e Xosefa Eva Castiñeira de Muxía. Seis mulleres labregas que personalizan unha homenaxe a todas e todos os informantes, cantareiras e pandereteiras que souberon gardar o legado poético e musical dos seus antepasados e transmitirllo ós colectores e ás novas xeracións que recolleron este tesouro musical e literario que Rosalía de Castro revalorizou definitivamente con Cantares Gallegos.

As recolleitas do corpus da literatura popular de Galicia comezan con frei M. Sarmiento (1695-1772), o cura de Fruime (1698-1777) e frei Xoán Sobreira Salvado (1746-1805).Non tardarán en aparecer os colectores do corpus da música tradicional:  Marcial Valladares e Marcial del Adalid marcan os primeiros pasos. Despois deles virá un ronsel de colectores que forneceron  o coñecemento e o rexistro das coplas e das  melodías  que culmina coa publicación do Cancioneiro popular galego de Dorothé Schubart e Antón Santamarina. Esta é  una recolleita planificada  cun estudo sistematizado no ámbito literario e musical que marca un antes e un despois do cancioneiro de tradición oral de Galicia que corrixe a visión dun folklorismo urbano.