Dende a súa instauración no ano 1977 polo Consello Internacional dos Museos (ICOM), Amigos dos Museos de Galicia aproveitamos tal convocatoria de cada 18 de maio para afirmar os fins do noso colectivo arredor desas institucións que poñen a proba o estado cultural dunha colectividade, os Museos. Sempre en devalar, en función da madurez cultural dos pobos e mesmo das novas tecnoloxías, as que deben facilitar un maior acercamento: o museo dos actores fronte ao museo dos espectadores. Nesta convocatoria co lema “Museos pola educación e a investigación”, dúas ideas que van enlazadas, estudar, informar para formar na obxectividade.
Aquece lembrar pois o estado da cuestión da nova definición de museo: ”Institución sen ánimo de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e exhibe aspectos do patrimonio cultural, material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos fomentan a diversidade e a sustentabilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética e profesionalidade, ofrecendo experiencia variadas para a educación, o desfrute, a reflexión e o troco de coñecementos”.
“PREMIO PEDRA DO DESTINO 2024”
Na tarde deste sábado 18 de maio, ás 20 horas no noso espazo de cultura, “PORTAS ÁRTABRAS”, teremos un encontro a fin de abondar nun tema que para nos é cotián, así como regalar aos asistentes un libriño sobre o escultor Asorey e, finalmente dando a coñecer o nome do PREMIO PEDRA DO DESTINO 2024, co que o noso colectivo quere distinguir a aquelas persoas ou colectivos preocupados por algún aspecto en relación coa salvagarda ou difusión do Patrimonio Cultural de Galicia. Premio que consiste en sufragar unha inciativa que poña en valor o traballo distinguido.
Ben temos aprendidos que o “Día dos Museos” é unha lección para aprender que os museos son cousa de cada xornada, de cada hora, que están a nosa beira, onde recobrar o diálogo, a tolerancia, a liberdade e a paz.
