
Desde a Agrupación Cultural O Facho vos comunicamos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2024.
O vindeiro dia 8 de outubro a arqueóloga Purificación Soto Arias impartirá unha palestra co título:
“O CASTRO DE MONTES CLAROS (VILAÑO-A LARACHA), UN POBOADO ÁRTABRO BEN COMUNICADO”
Data:8 de outubro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
Purificación Soto Arias é arqueóloga profesional. Licenciada en Xeografía e Historia pola USC no ano 1987 coa especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía.
Realizou unha tesiña de licenciatura titulada: Tecnoloxía e análise da cerámica castrexa baixo a dirección da Dra Profesora Josefa Rey Castiñeiras, obra pioneira nas análises físico-químicas das producións cerámicas para a identificación das áreas alfareiras na Idade do Ferro no Noroeste peninsular.
Dende o ano 2017 ven desenvolvendo a súa principal actuación profesional no concello de A Laracha onde puxo en marcha o proxecto denominado: Recuperación e Intervención Arqueolóxica no Castro de Montes Claros (Santiago de Vilaño, A Laracha), de promoción municipal e que cubre distintos aspectos de investigación, conservación, posta en valor e divulgación social.
O Arco Ártabro-Bergantiñán constitúe o escenario natural da xeografía política dos pobos Ártabros que habitaron os castros durante case un milenio. A partir dos resultados de dúas campañas de escavacións arqueolóxicas no Castro de Montes Claros, trataremos de abordar a evolución destes grandes poboados fortificados da Idade do Ferro ata a romanización.