AMIGOS DOS MUESOS DE GALICIA CELEBRA O DÍA DOS MUSEOS E DASE A COÑECER O PREMIO “PEDRA DO DESTINO 2022” A CARLOS VALLE


Como todos os anos , e dende a súa creación en 1977, o colectivo de Amigos dos Museos de Galicia, celebrou no seu espazo de cultura ”Portas Ártabras”, no corazón da Cidade Vella Coruñesa, un acto no que participou o historiador da Arte Carlos Valle, que tratou sobre “Pontevedra, e a  Peregrinación a Compostela”. Actividade na que quedou patente a significación do fondo fenómeno e recurso cultural que é a peregrinación, analizando o estado da cuestión. Ao finalizar este acto, Felipe-Senén, Presidente de Amigos dos Museos de Galicia, deu a coñecer o Premio Pedra do Destino 2022, que precisamente nesta ocasión, e por sorpresa para o conferenciante invitado, o colectivo determinou concederllo ao mesmo Carlos Valle, pola súa exemplar traxectoria ao cargo do Museo de Pontevedra, dependente da Deputación Provincial. Centro e equipo de traballo referente pola súa continúa actividade e proxección, ampliando espazos, contidos, actividades e estudos… considerado como o gran museo de Galicia. Nesta ocasión o premio consiste na edición inmediata dun libro da autoría do mesmo premiado e que será sobre “A obra de Castelao no Museo de Pontevedra” , publicación que porá en valor o mérito de rescatar, estudar e expoñer unha obra creativa, literaria, artística e política, que corría o risco de perderse para o legado cultural de Galicia.