REHABILITACIÓN E REVITALIZACIÓN DUNHA TRADICIÓN MUXIÁN


Solución á continuidade de produción tradicional do secado do Congro

A burocracia non xera máis que burocracia e mesmo nela quérese enguedellar a canto significa como recurso o Patrimonio Cultural. Como proba velaí o que nestes días de marzo acontece en Muxía ao suspender a Consellería de Sanidade e posiblemente multar o proceso de secado tradicional de congro nas cabrias. Actividade que reporta históricas relacións entre os cordaneiros de Aragón e os pescadores, intercambiando cordas por peixe seco, en especial o congro. E velaí unha relación comercial, en base a estes produtos, entre Muxía, Aragón e Cataluña.

A vista está non so a falla de sensibilidade, se non tamén de coordinación entre as diferentes administracións: Cultura, Turismo, Sanidade, Costas, Traballo… o que non soamente pon no brete ás tradicións con canto significan como recurso cultural, turístico e mesmo neste caso de sostibilidade, senón tamén causando tamén desacougo entre os que coidan e manteñen estas tradicións, como a desmoralización entre os muxiáns e cantos se implican na cultura como unha práctica máis alá dos rituais.

Os poderes públicos deben coidar e promover o patrimonio cultural dos pobos, ao menos iso día o artigo 46 da Constitución Española…e as leis de patrimonio acóllense a este principio, debendo velar, asesorar e coidar estes bens.

Ao respecto non faltan na Europa mariñeira, especialmente nos Países Nórdicos sistemas de secado, afumado salgado tradicional levados dende a teoría e praxe dos ecomuseos: garantindo as tradicións, a dignidade dende principios ecolóxicos, hixiénicos, os que ao mesmo tempo garanten a súa supervivencia.

Amigos dos Museos de Galicia agradece a mostra de sensibilidade sensibilidade cara a rehabilitación e revitalización destas formulas do patrimonio etnoarqueolóxico  mariñeiro que a máis de continentes e contidos etnográficos significan a gran riqueza teórica e práctica, receitarios, verbas… mostras do patrimonio intanxible.

https://www.elcorreogallego.es/concellos/indignacion-por-la-clausura-del-secadero-de-congrio-de-muxia-FG10439419

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/2022/02/22/legislacion-actual-impide-secado-tradicional-congrio-muxia/0003_202202G22P29991.html