O xoves 28 de outubro, ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras a conferencia do filólogo e xornalista Xosé Ramón Fandiño Veiga titulada : “ISAAC DÍAZ PARDO, MEMORIA DO COMPROMISO”
Fandiño Veiga adentrarase na misión de Diaz Pardo, de anovar as teorías do Seminario de Estudos Galegos a través do Laboratorio de Formas e a súa reflexión sobre ética- estética, tradición- contemporaneidade, arte- industria, por medio da ” Industrias da memoria” , Sargadelos, o Castro, a Editorial do Castro, o Instituto Galego da Información… a fin de levar a imaxe e a dignidade de Galicia aos bazares.

Xosé Ramón Fandiño Veiga, licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC, foi director da Gran Enciclopedia Gallega. Colaborador de diversos medios de comunicación, especialmente da Radio Galega onde dirixiu e presentou durante o curso 1994-95 o programa Galicia Universitaria co que acadou o Premio Xornalístico V Centenario da Universidade de Santiago. Como ensaísta son numerosos os seus estudos sobre diversos aspectos da cultura e da literatura galega. Tamén foi comisario das exposicións Xenaro Martínez Castro (Museo do Pobo Galego, 2008), Ao pé do prelo. Luís Seoane, editor e artista gráfico (Xunta de Galicia, 2010), O corazón do barro (Museo do Pobo Galego, 2017) e Con Galiza sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela (Ateneo e Universidade de Santiago, 2018). Xosé Ramón Fandiño, membro do Padroado do Museo do Pobo Galego e presidente da Fundación do Pedrón de Ouro, foi durante 10 anos colaborador de Isaac Díaz Pardo no Instituto Galego de Información e sobre a súa figura ten participado en diversos foros e publicado numerosas monografías, entre as que cabe destacar Isaac Díaz Pardo. Memoria do Compromiso (2021), biografía editada polo Concello de Santiago para conmemorar o centenario do seu nacemento.