A PERMANENTE MEMORIA DO DOUTOR GARCÍA SUAREZ ENTRE OS AMIGOS DOS MUSEOS DE GALICIA


Amigos dos Museos de Galicia é un colectivo de memoria, e a memoria nutre a Historia, agradecendo e aprendendo de xente, feitos e cousas boas. Así é que o 18 de decembro, día da Esperanza deste ano – tan coutado por inesperadas circunstancias –  deixou ente noso mundo o doutor Xosé Luís García Suárez, benquerido do noso colectivo: participativo en moitas xeiras polo mundo, por Galicia, e que mentres poido animou o noso espazo de cultura “Portas Ártabras”  cada luns, contándonos as crónicas das súas viaxes polo mapamundi, por Iberia, por Galicia, ilustradas con imaxes limpas de paisaxes, paisanaxes e monumentos , sin afeamentos. Excelentes imaxes, colección de fotografías que tivo a ben doar, en vida, ao Centro Galego das Artes da Imaxe, CEGAI. Igualmente a súa biblioteca, enciclopedias, libros de Ate e de Historia que agora enriquecen a Biblioteca da Academia de Belas Artes.

Dr. García Suárez – (Fotografía X. Raúl López Naya)

Por algo Amigos dos Museos de Galicia, no 2013 tivemos a ben outorgarlle a García Suárez o Premio Pedra do Destino coa insignia de ouro deste colectivo. Pero o máis importante é que o levaremos no noso corazón, pola súa leal amizade, positividade e ese ánimo tolerante, libre aberto á grandeza do universo. Algo que nos contaxiou, que levan e transmiten os seus fillos, Antonio e José Luís, colaboradores e Amigos do noso colectivo, imprescindibles nesa ansia de difundir humanismo, seguindo coa tradición e bo facer de compartir saberes .

Dr. García Suárez – (Fotografía X. Raúl López Naya)

Unha das portas do noso espazo de Sinagoga 22, dende hai anos, xa leva o nome de Doutor García Suárez. Lembranzas a sumar a de tantos amigos e amigas, que tamén quedan labrados na lembranza dos que seguimos vivindo, enxergando, movendo sentimentos, pra transmitir aquel seu exemplo de Humanismo. Nesa viaxe eterna das Galaxias atoparémonos novamente, Amigo dos Amigos.

Dr. García Suárez – (Fotografía X. Raúl López Naya)