PASAMENTO DO ASTURIANO “ PEPE EL FERREIRO”, REFERENTE NA ETNOGRAFÍA GALEGA


CREADOR DO MUSEO ETNOGRÁFICO DE GRANDAS DE SALIME

Por Felipe-Senén

O pasado sábado , celebrado día do “fratello” San Antonio e  despois dunha longa loita coa enfermidade, deixou a súa Grandas de Salime,  pra tomar o derradeiro camiño do Trasmundo que diría Laxeiro, Pepe el Ferreiro, no bautismo Xosé María Naveiras Escanlar. Unha vida que todo galego debe coñecer, ferreiro de profesión, tiña 78 anos.  Amante  e militante das causas xustas e do común, de canto significan  as orixes e as tradicións, entón deses vencellos culturais e históricos que artillan a que foi Gallaecia Asturicense. Ben o sabía e compartímolo.

Pepe el Ferreiro foi un referente pra canto significa a ecomuseoloxía. Esto é un pioneiro da recuperación do patrimonio etnográfico das terras das ribeiras do Navia, da revitalización integral de espazos e artefactos, devolvéndolle a vida máis alá da exposición, pra que funcionasen, “museos onde todo funcionase” teimaba el. E iso é a ecomuseoloxía, unha parte da museoloxía aínda por madurar en Galiza. Pepe el Ferreiro era da caste de sabios ferreiros, loitador incansable, ate  espallar e conseguir obxectivos de sentido común. Como batendo e batendo coa dureza do ferro deica rematar moldeándoo. Posuidor ademais da maxia ancestral de tradicións que non traizoan e ansiaba compartir como legado común.

 Teimudo pois na recuperación das máis remotas orixes, así como  de atoparlle a secuencia ao longo da Historia. Alma mater da posta en valor do Castro dos Chaos de Sanmartín de Grandas de Salime,  así como dos vellos camiños que seguen o  Navia, rutas mineiras en relación coa explotación do ouro na antigüidade castrexa…

UN REFERENTE  PARA GALIZA NAS PESCUDAS E NA POSTA EN ESCEA DO PATRIMNIO ETNOGRAFICO

O seu saber e boa parte do patrimonio familiar queda como legado para Asturias, pra Grandas de Salime e para a Galiza que se busca así mesma en exemplos como o de Pepe el Ferreiro.  Así naceu en 1984 o Museo Etnográfico de Grandas de Salime, medrando, recupoerando espazos e artefactos, seducindo sen verborrea pedante. Tanto así que ao falar desta vila montesía, gandeira, agraria de Asturias sempre debe vir  á cabeza a figura bable,  amable,  cuberta baixo a súa boina ancestral, a que nimbaba tanta xenerosidade: Pepe e Grandas, Grandas e Pepe é unha mesma cousa, esencia de Asturias.

Fomos moitas veces a beber ideas a Grandas de Salime, onde  sempre Pepe nos esperaba a pe de estrada , todo lle era pouco pra agasallar ao visitante. Guiábanos e enxergar as súas iniciativas, insistente en recuperar as orixes, sabendo que nelas radica a orixinalidade, o idioma, os saberes, a cultura…. Tradicións que como Murguía, Risco , Xocas ou Fraguas…sabía que corren o perigo de esvaerse e perderse entre a aséptica uniformidade global.

Con Pepe el Ferreiro Grandas de Salime fíxose ademais obrigada parada e Fonda no Camiño de Oviedo, o primitivo a Compostela, vila antolóxico na historia da museoloxía mundial. E referente para todos os galegos “bos e xenerosos”, aqueles que aman as tradicións, os vellos oficios, os que ansían facer das súas  orixes o que fixo Pepe el Ferreiro en Grandas. E velaí a obra parella de Olimpio Liste en Oseira, a de Elixio Rivas nos Milagros de Maceda, a de Narciso Luaces en Meixido de Ortigueira,   a de  Xosé María López Ferro no Museo Etnográfico de As Pontes, a de Secundino García Mera no Museo Etnográfico da Capela,  a Casa do Patrón de Doade en Lalín  idea e obra de Manuel Blanco Vila….o Museo Etnográfico da Fonsagrada., a coleccións do párroco de Seavia, a perdida de Benigno Eirís……todos tiveron como estrela e referente a Pepe el Ferreiro. Mais non todo era así, tamén tivo detractores ese que il dicía “de libro” e burocracias.

Alí onde haxa tradición e corazón galego debe estar a memoria e as soidades de Pepe el Ferreiro de Grandas de Salime. Sabemos que a Terra e o Ceo acollerano como Seu.

14- Xuño 2020 do Coronavirus