VENRES 25 DE OUTUBRO: INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE VIKI RIVADULLA


BRUXA!
LIBRES, REBELDES, INSUBMISAS

O venres 25 de outubro ás 20 horas en Portas Ártabras terá lugar a inauguración da nova exposición de Viki Rivadulla 

“Bruxa! É un proxecto artístico sobre a violencia contra as mulleres e que reivindica a liberdade das mesmas.

Fala sobre as mulleres e a represión patriarcal agachada tras a queima de bruxas (partindo das teses de Silvia Federici) e que a autora mantén que segue vixente a día de hoxe baixo formas como poden ser estratexias de silenciamento de mulleres empoderadas (nos ámbitos científico, artístico, empresarial,social etc…) , estratexias de linchamento mediático ou estratexias de banalización e normalización da violencia contra as mulleres

A máxima expresión da violencia que o sistema exerce sobre as mulleres son os feminicidios. E lonxe de rematar, estes asasinatos teñen a día de hoxe un gran número de vítimas.

“Bruxa!”reivindica a figura da bruxa coma muller empoderada. Esta figura que é unha anomalía do sistema , dun sistema opresor que precisou meter na casa ás mulleres a parir man de obra. Un sistema que lles expropiou os saberes e os propios corpos. Sistema que segue en pé a día de hoxe edificado sobre os corpos femininos e que ademais é fonte de todas as outras formas de opresión. Esta figura da bruxa vai servir para presentar non só a represión sobre as mulleres, senón tamén a resposta como resistencia e a figura da muller dona de si, vista como ameaza e coma un ser insubmiso e incontrolable para un sistema misóxino.

Esta figura da muller dona de si é unha peza fundamental para os cambios sociais e políticos necesarios na nosa sociedade e que han vir, en gran medida, da man das mulleres.

Por esto a mostra fala tamén da autoconciencia, a autoformación , deconstrución e a sororidadecomo ferramentas de loita .

A resistencia das mulleres cambia o mundo, e a pesares de séculos de represión e guerra contra as mulleres, aflora o ser salvaxe, a muller libre que está en nós- como di Clarissa Pinkola Estés- para seguir adiante coa nosa forza creativa. Bruxa!” é ,en realidade e ao fin, é un canto á liberdade.

A exposición completa consta de 22 acrílicos sobre lenzo, seis láminas a tinta da serie “Bailadoras Libertarias”, un mural formado por 25 debuxos a lápis e tintas e unha escultura de arxila sobre creba de madeira.Vai ademais acompañada por textos de autoras inspiradoras do proxecto, como son Silvia Federici, Clarissa Pinkola Estés, Rita Segato, Marcela Lagarde, Ma Xosé Queizán , June Jordan e o texto “Conxuro” da propia autora.

A AUTORA
Nacida na Coruña en 1964, no Barrio de Monte Alto. De ascendencia muxiá, reside actualmente en Muxía (Costa da Morte), lugar que a define coma periférica nun sentido xeográfico pero tamén vivencial e conceptual.

É licenciada en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela. É pintora, escultora e artesá. Traballou como profesora de Filosofía e Historia Contemporánea en centro privado e ten ampla experiencia tamén en obradoiros e clases artísticas. É técnica de cultura do Concello de Muxía.Ten unha ampla experiencia asociativa, activista, artística e expositiva e tamén participación en publicacións varias e eventos culturais sendo organizadora de multitude deles.Traballa activamente no feminismo tanto implicándose de forma persoal (Asociación Feminista Buserana, ou La Caja de Pandora) como na súa obra artística, coñecida polo compromiso feminista, e dende o seu posto de traballo, dende o que – entre outros proxectos- destaca a Galería Mulleres que foi creada no ano 2010 co obxectivo da visibilización e na que continúa traballando.

A súa obra ten como un dos temas principais o mar. Ou mellor, a cultura mariñeira. Todo o que se crea arredor do mar. O potente imaxinario, as lendas, o mundo do traballo, a vida na costa… E tamén as mulleres, formando parte do seu imaxinario persoal e dunha iconografía claramente mariña e feminista, e tamén como crítica do sistema patriarcal que nos mantén silenciadas. E nunca como musas, senón como protagonistas das propias vidas. As mulleres movendo o mundo, creando. Mulleres fortes e loitadoras que levan no seu ser toda a forza para cambiar o mundo.

Escribín varias veces sobre a obra de Viki Rivadulla. Unha delas foi cando a adoptei coma personaxe, ela e súa obra, personaxes dunha miña novela pronta a saír á luz. Todas as veces que falei da obra de Viki Rivadulla fíxeno dende a admiración que provoca aquilo que se fai coa forza da verdade. Aquilo que é porque ten autenticidade para ser. Aquilo que foi creado dende as vísceras e que apunta directo ás vísceras. Alí onde a humanidade ten repartidos os sentimentos. Viki Rivadulla é coma as súas creacións unha muller do mar. Alguén que en unha época moi lonxincua fixo a mestura da súa propialiñaxe de muller coas criaturas das profundidades mariñas.

Din que de alí vimos todas, mais Viki ten unha corda umbilical cinguida ao fondo do grande océano. Doutro xeito non sería posíbel que ela creara esas mulleres mestura de sereas e mariscadoras, anfibias e terrestres, donas que gardan nos seus pulmóns a ar coa que respirar no cerne da vida.

Difíciles de catalogar dende o punto de vista pictórico, escapúlense estas mozas dentro das procelosas augas do expresionismo para desembocar algunhas veces no naif, e outras nunha linguaxe popularizada pola banda deseñada: nova e chea de frescura. Non teñen amarre, e así ha ser. Son libres e libertarias. Encarnan en labradoras ou marisqueiras; bruxas fuxidas do máis grande xenocidio da humanidade: a queima das mulleres sabias e irreverentes que desafiaron os poderes da igrexa.

As mulleres de Viki nacen do fondo da sororidade, do encontro cara a cara nas loitas diarias das femias do planeta por conquistaren os seus dereitos. Nacen da conciencia e do amor que as aniña. Porque só o que nace do amor pode perdurar e desafiar ao tempo.

Pequenas e robustas, mulleres reais desposuídas de calquera envoltorio, as mulleres de Viki Rivadulla avanzan cara a un futuro máis prometedor, máis amábel. Recollen a memoria da sangue, da dor, do sufrimento de milleiros e milleiros de mulleres que pasaron pola terra, para convertelos en esperanza. Esa cousiña pequena, ínfima e preciosa que habita no chan da caixa de Pandora. Coñecen o que pasou, o que tristemente pasa, mais teñen a vista pousada no mañá. No día no que as bandeiras moradas deixen de ondear ao vento porque xa non fagan falla.

As mulleres que poboan a obra de Viki Rivadulla están conectadas coa máis fonda das orixes, aquela que veu do mar para respirar na terra, mais tamén teñen unha parte delas enterrada nas cumes de Fisterra, nas Cies, no Caurel, no mar de Orzan e nos bosques autóctonos, cada vez máis ameazados. Ancestrais e contemporáneas, estas mulleres son indiscutibelmente galegas; teñen a matriadeliñada a pinceladas grosas dos vermellos de cadmio, os azuis cerúleos e ultramarinos, os ocres amarelados ou os violetas de cobalto.

Nas obras de Viki Rivadulla as mulleres, paso a paso dos seus pés descalzos, grandes e firmes, ocupan por dereito propio un espazo que a sociedade lles nega ou lles agocha. Aquí non precisan permiso, nin salvoconduto. Emprenden a camiñada xuntas para brotar en calquera tea, en calquera escultura, como as donas delas mesmas que son, na procura dun universo onde a igualdade de dereitos sexa a pauta de vida, o sinal de identidade.

Luz Darriba. Artista multidisciplinar Premio Cultura Galega das Artes 2018

Folleto Exposición

Cartel Exposición