Reunida a Xunta Directiva de Amigos dos Museos de Galicia – igual que todo os anos por mor da celebración do 18 de maio como "Día Internacional dos Museos" – a fin de debater sobre a concesión do Premio Pedra do Destino 2018, determinou outorgar este ao Centro de Estudos Carballiñeses "Manuel Chamoso Lamas", acreditando súa constancia no estudo, divulgación e potenciación dos recursos culturais e patrimoniais das Terras do Carballiño, como os muiños e fábricas de papel das ribeiras do Arenteiro, a recuperación e posta en valor dos vellos camiños de feirantes, arrieiros e carboeiros, as vinculacións con Oseira, Beade, os gremios de pulpeiras, panadeiras…etc. Premio que neste ano está dotado en 1.500 euros para aplicar a un proxecto do colectivo, sumando material de interese histórico e cultural en relación coa zona, cos que se pretende enriquecer os fins museísticos deste colectivo. O galardón entregarase no Carballiño abrindo ao tempo dos Magostos.