2026 AMIGOS DOS MUSEOS DE GALICIA 2026
2026 PROGRAMA DE ACTIVIDADES 2026
COÑECER GALICIA
XANEIRO
* Mes de inicio do ano que sirve para reorganizar aspectos de programación.
FEBREIRO
* 15 domingo: Xeira da Aventura por un representativo Entroido de Galicia.
MARZO
* 7 sábado: Xeira á Trasalba de Otero Pedrayo, seguindo a Oseira.
* 21 sábado: Monforte de Lemos e os seus museos.
* 28 sábado: Visita de tarde á exposición sobre Asorey na Cidade da Cultura, Compostela.
ABRIL
* 12 domingo: Xeira para coñecer integralmente Allariz e a súa contorna.
* 26 domingo: Xeira ás terras de Ortegal.
MAIO
* 10 domingo: Xeira a Terras de Alfoz, S. Martiño de Mondoñedo e Sargadelos.
* 31 Domingo: Xeira ás Médulas, o seu emporio mineiro do ouro.
* Nunha tarde deste mes, realizarase unha visita especial ao pazo do Faramello e a súa contorna. Preanotarse e comunicarase día e hora.
XUÑO
* 14 domingo: Terras de Lalín, Doade e a súa Casa do Patrón.
* 28 domingo: Xeira a terras de Grandas de Salime. Arqueoloxía, etnografía…
XULLO
* 26 domingo: Xeira aos montes dos Ancares.
AGOSTO
* 9 domingo: Xeira a Soutomaior, Xende, Fornelos de Montes.
* 30 domingo: Xeira a Terras de Cuntis, Moraña e Petróglifos de Campo Lameiro.
* En data e tarde que se fixará, farase unha visita a Sobrado e Terras de Curtis, lembrando a María Antonia Dans. Preanotarse.
SETEMBRO
* 13 domingo: Tradicional xeira ao Courel de Novoneyra.
* En data e tarde que se fixará, farase unha visita a Buño e Malpica.
OUTUBRO
* 11 domingo: Xeira por Terras da Limia, Vilar de Santos e Monterrei.
* 25 domingo: Xeira pola Ribeira Sacra Ourensán, a do Miño.
NOVEMBRO
* 29 domingo: Xeira ao Morrazo, Costa da Vela, e Cangas.
* Nunha tarde realizarase unha visita especial ás cubertas, Museo e Catedral de Santiago. Preanotarse e comunicarase o día e hora.
DECEMBRO
* 20 domingo: Xeira polas sorprendentes terras lucenses do Val de Neira.
RESUME DE PROGRAMAS PROPOSTOS QUE SE IRAN CONCRETANDO:
COÑECER, QUERER E DEFENDER O PATRIMONIO CULTURAL

Este é un programa inacabado. Da propia dinámica improvisaranse e nacerán outras actividades. As “Portas Ártabras” están abertas a recibir e informar.
“COÑECER GALICIA”
Viaxar de xeito colectivo é algo máis que aprender, é convivir, compartir o que os seres humanos fixemos e desfixemos ao longo da historia: arqueoloxía, arte, etnografía, paisaxe… Deste xeito, a institución do museo proxéctase máis alá do seu continente e das vitrinas ao verdadeiro escenario do acontecer cotián. Roteiros estudados para cada estación do ano, onde sempre haberá algo novo por sentir.
“COÑECE A TÚA CIDADE”

A cidade define aos seus habitantes, verdadeiro museo de actores, onde todo comunica a quen sensiblemente se achega a preguntarlle. Son xeiras explicadas polas propias rúas da cidade, as súas institucións, monumentos e empresas.
“COÑECE OS TEUS MUSEOS”
Hai algo máis que o continente dun museo e que o mesmo contido, formado por obras de arte, por artefactos, curiosidades e explicacións. A institución do museo é un xeito científico de conservar, documentar, estudar, divulgar ou sensibilizar, algo ao que achegarse, a fin de implicarse con canto significa e dignifica a cultura.
PORTAS ABERTAS A OUTROS COLECTIVOS
O noso espazo de cultura está aberto a todos os colectivos que ansían sensibilizar sobre a inmensidade cultural, máis aínda cando coa crise se pechan e limitan espazos para o encontro. Os martes son días dedicados a estes colectivos.
“LUNS DE PROXECCIÓNS DE ARTE
Proxeccións de documentais e audiovisuais de autoría propia que introducen a diferentes aspectos da Historia, a Arte, a Etnografía….
“XOVES DE VIAXES”
Un día de cada semana pra presentación de itinerarios ou pra compartir experiencias vividas: proxeccións, fotos, intervencións…
“SEGUNDO XOVES DE MES”: SIMBOLISMO
O enxeñeiro e especialista en simboloxía medieval Xosé Luís García Dornelas, cada segundo xoves de mes, axudado de imaxes, introduce á linguaxe dos símbolos.
CICLO “COMO SE VISITA UN MUSEO”
Cursiño anual dirixido especialmente a pedagogos, estudantes de turismo, animadores culturais, co ánimo de iniciar sobre as posibilidades didácticas e limitacións que ofrece a institución do museo. Experimentando xeitos de interpretar a cidade e o medio como un museo activo que tanto define aos cidadáns de onte, como aos de hoxe. Repaso do estado da cuestión dos museos galegos.

TERTULIAS, CONFERENCIAS, CURSOS
Seminarios feitos de xeito teórico-práctico coa ansia de sensibilizar encol do valor cultural das creacións e os camiños da Arte, Arqueoloxía, Historia, Etnografía…
1 DE ABRIL: “DÍA DAS ARTES DE GALICIA”
En conmemoración da mesma data do ano 1188 no que se erguen os linteis do Pórtico da Gloria, baixo a dirección do Mestre Mateo e segundo consta labrado nos mesmos. Neste 2026, dedicado pola Academia G. de B. Artes ao fotógrafo allaricense Xosé Suárez Fernández (1902-1974).
18 DE ABRIL “DÍA INTERNACIONAL DOS MONUMENTOS E DOS SITIOS ”
Celebración da xornada para coñecer o estado da cuestión sobre o patrimonio cultural como escenario da “memoria colectiva” e como recurso.
18 DE MAIO “DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS”
Celebración dedicada a espallar a significación do museo na educación e na cultura. Xornada na que se da a coñecer o “PREMIO PEDRA DO DESTINO” á conservación e difusión do patrimonio cultural.
16 DE NOVEMBRO: “DÍA DO PATRIMONIO MUNDIAL”
Xornada pra unha reflexión sobre o estado da cuestión e rendibilidade do patrimonio cultural máis significativo
CONCURSO FOTOGRÁFICO “OBXECTIVO DA MEMORIA”
O tema é o estado da cuestión do Patrimonio Cultural de Galicia. Bases na web.