XOVES 16 DE XULLO: PILAR PALLARÉS PRESENTA “UNHA ESCRIBA”


O xoves 16 de xullo ás 20 horas, Pilar Pallarés presenta en Portas Ártabras a súa nova publicación, Unha escriba, editada por Chan da Pólvora onde reúne o conxunto da súa poesía, incluída a dispersa. O acto contará coa introdución de Miguel Mato, que se adentrará na espiral envolvente da poesía de Pallarés, unha das voces capitais da literatura galega actual. “A vida só é máis vida / se o pensamento vén e se dá en éxtase”, escribe xa ao final do libro nunha caste de principio de vida que culmina está excepcional panorámica sobre a súa obra.

Entrada libre ata completar aforamento.

___

Unha escriba é a proxeción desa voz poderosa de Pallarés, un volume onde descubrimos a oroxénese –asombrosa– dunha obra que ispe a palabra pero preserva nela a beleza da mergulladora que chega ao abismo para salvar e salvarse. Ou se cadra, para morrer. “A beleza que realmente conmove”, asegura a autora, “nace da morte. Non hai arte sen a experiencia, a antecipación, ou a adiviñación da dor. Só ela é capaz de nos espir, de nos destruír e luír para nos enviar de novo á superficie, máis libres, xa sen máscaras, dicindo palabras que non poden mentir”.Unha escriba non só recollle os seus poemarios –Entre lusco e fusco (1980), Sétima soidade (1984), Livro das devoracións (1996), Leopardo son (2011), Tempo fósil (2018) e Contra humana parte (2025)– senón que inclúe un apartado –titulado Certos poemas– con textos espallados e recollidos por vez primeira nun volume. Deste xeito, estamos ante unha oportunidade única de adentrarnos na panorámica dunha obra fundamental na historia literaria do país.