O mércores 17 de xuño, ás 20:00 terá lugar en Portas Ártabras a presentación do novo libro – disco LUBRE que celebra o 40 aniversario de Luar na Lubre. O acto contará coa intervención da filóloga Dolores González, o antropólogo Lois Ladra, o historiador da cultura galega Felipe -Senén amais dos membros de Luar na Lubre.
Entrada libre ata completar aforamento.
30 persoeiros do mundo do eido da cultura nas súas distintas modalidades ofrécennos as súas respectivas achegas, relacionadas co 40 aniversario de Luar Na Lubre e/ou a voz lubre e a súa inclusión, por fin, no Dicionario da Real Academia.
Neste traballo, a palabra LUBRE elévase como un ritual escrito e sonoro deseñado para abrir as portas do bosque sagrado. Todo gravita arredor da forza do seu significado, arroupado por unha colección de textos e imaxes fascinantes, onde a música deixa de ser unha simple escoita para ser habitada. Unha transmutación do sentido cara a liturxia espiritual na que Galicia se reencontra, finalmente, co seu mito ancestral.
