XOVES 21 DE MAIO, CONFERENCIA / PRESENTACIÓN: “ARSÍNOE, REINA DE ALEJANDRÍA” DE NIEVES GARCÍA CENTENO


O xoves 21 de maio, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22 – A Coruña) a conferencia da xornalista e arqueóloga Nieves García Centeno que presentará “ARSÍNOE, REINA DE ALEJANDRÍA”.

Nieves García Centeno, reside na Coruña, é xornalista, e traballou en cabeceiras como La Voz de Galicia (correspondente en Costa da Morte); no Ideal Gallego, e na Cadena Ser-Radio Coruña (Radio Nordés) e Punto Radio (Costa da Morte), alén de en distintas axencias e consultorías. Tamén é historiadora e arqueóloga, polo que, con este debut literario, García Centeno consegue axuntar a súa paixón polo Antigo Exipto, onde foi escavar en xaneiro de 2024, e a investigación histórica.

Con esta a súa primeira novela, para a cal investiu varios anos para documentarse, a autora quere dar a coñecer a figura da irmá pequena de Cleopatra, un personaxe histórico menos coñecido, do que hai poucas fontes, pero moi interesante, pois non só viviu en primeira persoa as presións de Roma para anexionarse Exipto, e que sufriu o seu pai Ptolomeo XII, senón que se relacionou con personaxes tan importantes como Marco Antonio ou Julio César. De feito, contra este último enfrontouse na chamada Guerra Alejandrina, xunto co seu irmán Ptolomeo XIII, entón rei de Exipto, con quen reinou neses meses como Arsínoe IV, ata que foi feita prisioneira e levada a Roma, para acabar desterrada en *Éfeso, na actual Turquía, onde se cre que foi enterrada. Hai alí un mausoleo coa forma do renombrado Faro de Alexandría, onde se atoparon uns restos humanos que, nas primeiras investigacións, indicaban que pertencían a unha muller, polo que se adxudicaron á princesa Arsínoe, aínda que, outros resultados de 2025 desménteno. O libro recrea ademais os conflitos internos e de rivalidade existentes entre esta dinastía exipcia, aínda que eran de orixe macedonio (grego), fundada por Ptolomeo, un dos xenerais de Alejandro Magno, no século III a.C., e que se instalou en Alexandría, a cidade fundada polo conquistador que, dez anos despois, morrería por unhas febres en Babilonia no ano 323 a.C. Así mesmo, ao longo das 700 páxinas desta novela, alén de Alexandría, Chipre, *Éfeso ou Roma, a lectura tamén nos levará ao Exipto milenario e eterno dos sacerdotes nos templos, os seus deuses e a vida costumista e rural no río Nilo.

Emtrada libre ata completar aforamento.