
O dia 19 de maio o profesor e escritor Ramón Nicolás Rodríguez falará sobre: “Begoña Caamaño. Biografía, literatura e xornalismo. Acto organizado pola Agrupación cultural O Facho, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado á escritora viguesa Begoña Caamaño.
Data: 19 de maio, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
Ramón Nicolás Rodríguez exerce a docencia no IES Castelao (O Calvario-Vigo). Realiza crítica literaria desde o ano 1990 en diversas revistas e publicacións e, desde hai anos, no suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia. Mantén, desde 2010, o “Caderno da crítica. Literatura galega”: un dos blogs literarios máis veteranos e activos de Galicia.
Membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, é autor de A nena que perdeu un zapato na lama, sobre a infancia de Begoña Caamaño. Desde o ano 2021 é membro correspondente da Real Academia Galega. En 2011 ingresou como padroeiro na Fundación Celso Emilio Ferreiro e dirixe a colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia. É tamén ensaísta e tradutor e pertence á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, á Asociación Española de Críticos Literarios e á Asociación Galega da Crítica. Recibiu diversos galardóns como o Premio Antón Losada Diéguez de ensaio no 2013, por Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro (2012).
Publicou dúas novelas -O espello no mundo (2016) e Lapis na noite (2018)- e asinou diversas traducións e ensaios, ademais de editar e estudar a obra de autores como Manuel Luís Acuña, Manuel Lueiro Rey, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Lugrís Freire, Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández del Riego ou Celso Emilio Ferreiro.
A palestra que impartirá Ramón Nicolás leva por título “Begoña Caamaño. Biografía, literatura e xornalismo” e ofrecerá un repaso por aqueles elementos biográficos que se proxectan na modulación dunha personalidade radical, enérxica e comprometida como foi a de Begoña Caamaño.
Ademais realizará unha revisión polos aspectos literarios e xornalísticos máis relevantes da escritora protagonista do Día das Letras 2026.
