
O xoves 22 de xaneiro, ás 20 horas terá lugar en “Portas Ártabras” terá lugar unha conferencia do arqueólogo e historiador da cultura galega, Felipe-Senén, titulada: “INTRODUCIÓN AO ENTROIDO EN GALICIA“, recorrido polo almanaque festivo, as variedades, rivalidades e competencia de máscaras, folións, músicas, cantos, habilidade artesanal na confección de máscaras e traxes… Herdo tradicional con aportes prehistóricos, celtas, romanos, medievais e as incorporacións actuais e mesmo creativas de cadaquén. E que a pesares da uniformidade global, recupera hoxe os diferentes aportes históricos que fan de Galiza un verdadeiro paraíso, non só etnoarqueolóxico, de cultura material e inmaterial, senón unha rica fonte de inspiracións da que non somentes beberon os creadores de formas autóctonas, senón mesmo deseñadores da moda internacional. Pois velaí os chocalleiros ou choqueiros, vergueiros, verallóns, charruas, eliqueiros, cigarróns, pantallas, boteiros, volantes, felos, xenerais, madamas, galáns, madamitos, merdeiros, centulos, gamainchiños, teixugueiras, mazcaras, reoteiros, pitas, mascaras da borralla… e tantos e tantas entre cornudas representacións animais e demoníacas, como o oso, a morena… e os ídolos que presiden a festa: Urco, Meco, Ravachol…
Explicacións que serán guiadas de imaxes, adentrándose nas diferentes influencias, que poñen a proba a Galicia como un país de confluencias, de xente viaxeira, que leva e que trae pra incorporar a súa cultura. Festa tamén ameazada por esa mesma desnortada e aculturada por petardadas, botellón, e a copia do catálogo.
Parladoiro que terá a súa parte práctica visitando “in situ” e en directo algún dos Entroidos máis significativos de Galicia, poñendo en marcha todos os sentidos, a gastronomía tamén, música, colorido… máis o aporte cultural aquí anunciado.
Entrada libre ata completar aforamento.


