
Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2025.
O vindeiro día 16 de decembro o profesor e investigador Alexandre Peres Vigo impartirá unha palestra co título: “Galaicofobia: o desprezo contra o pobo galego”
Data: 16 de decembro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
Alexandre Peres Vigo (Trasancos, 1982) é un filólogo, historiador e investigador galego especializado na análise histórica e cultural das representacións negativas sobre Galiza e sobre a identidade galega. Licenciado en Humanidades e doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa pola Universidade da Coruña, colabora co grupo de investigación ILLA da mesma institución. Na actualidade compaxina o labor docente coa investigación nos eidos da sociolingüística histórica, da literatura peninsular e da análise crítica do estereotipo antigalego.
Publicou Galaicofobia: o desprezo contra o pobo galego até os nosos días (2024), un ensaio que percorre a evolución das actitudes antigalegas desde a Idade Media até a actualidade. A esta obra súmanse outras da súa autoría, como Do ódio à paródia: o estereótipo antigalego na literatura espanhola do século XVII (2023) e Pedro Pardo de Cela: vida, morte e memoria dun nobre galego (2023). Ademais, colaborou en volumes colectivos como Estudos actuais de lingüística galego-portuguesa (2019), Personaxes da Galiza medieval II (2023/2024), Os reis e as raíñas da Galiza: 1000 anos dun reino de seu (2024) ou Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas nos estudos lingüísticos e literarios galegos (2024).
