MARTES 9 DE DECEMBRO, PALESTRA DE FRANCISCO OTI RÍOS: TESPIS, O CONTEXTO TEATRAL CORUÑÉS (O FACHO)


Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2025.

O vindeiro día 9 de decembro o delineante, técnico en xestión teatral e debuxante e humorista gráfico Francisco Oti Rios, Paco Oti, impartirá unha palestra co título: 

“Tespis, o contexto teatral coruñés”, título do seu libro que tamén presentará no acto.

Data: 9 de decembro, martes

Hora: ás 8 do serán

Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña

Francisco Oti Ríos (Cabanas, A Coruña, 1954) traballou ao longo da súa traxectoria vital en case todas as facetas escénicas, produción, iluminación, dramaturxia e investigación. Esta experiencia diversa levouno a investigar no eido teatral, compilando arquivos e ordenando un material moi disperso documentalmente, e clasificando os datos atopados para reconstruír un pano teatral galego con traxectorias de grupos e protagonistas.

É membro fundador do Grupo Teatro Círculo de Perlío (1974). Realizou cursos de formación teatral (Iniciación, expresión, voz, mimo e produción) impartidos por Manuel Lourenzo, polo grupo francés ‘Les Tafurs’, Juan Mandli, Alfredo Mantovany, ‘Elvio Sciarreta’ e outros importantes persoeiros do mundo teatral. Impartiu diversos cursos ao longo de toda Galicia, entre os que destacan: ‘Máscaras, xigantes e cabezóns’, cursos de iniciación ao teatro e de plástica parateatral). Foi técnico de xestión en artes escénicas e musicais en distintas actividades e mostras relacionadas co teatro por toda Galicia. Ocupou o cargo de vicepresidente do Ateneo Ferrolán e estivo vinculado á programación teatral e artes plásticas durante 4 anos, foi experto en teatro da Xunta de Galicia (Programación de espectáculos en concellos) e xefe de produción do Centro Dramático Galego (Produción e distribución de teatro, 34 obras durante 13 anos), entre outros cargos e colaboracións no eido teatral e na banda deseñada. 

Co nome de Tespis, o primeiro actor do que se ten coñecemento -disque actuou no teatro de Dioniso no 534 a.n.e., un grupo teatral independente abrolla na escena galega nos anos 60, cun compromiso cultural e mesmo de resistencia fronte á opacidade da época.

Entrada libre ata completar aforamento.