O xoves 23 de outubro ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) a presentación de “CASTELAO ENTRE NÓS” de Paco López Barxas, un libro de luxo, editado por Teófilo edicións.
No acto amais deo autor participarán Siro López e Felipe Senén.
Coincidindo co 75 aniversario da morte de Castelao, e a declaración institucional de “Ano Castelao”, o escritor e xornalista ourensán Paco López-Barxas ven de publicar un libro singular e único dentro dun estoxo fermosamente editado por Teófilo Edicións: “Castelao entre Nós”. Un libro de luxo, ilustrado por Isabel Pintado, para o luxo dunha figura que, no plano cultural e político, artístico e literario, puxo a Galicia no mapa de Fontán: o mesmo mapa que simbólicamente se reproduce nas gardas desta edición.
Sen embargo, “Castelao entre Nós” non é un ensaio crítico senón un achegamento á obra e personalidade do autor de “Sempre en Galiza”, ao que Paco López-Barxas fai falar en primeira persoa. E faino arredor da súa vida e da súa obra, sen esquecer o seu pensamento, o que din e o que contan os seus propios coetáneos e amigos. Unha forma amena e didáctica de achegar a súa figura e de facela máis próxima a todos aqueles lectores que sintan a curiosidade por descubrir esta figura excepcional do noso século XX. Algo que o autor xa fixera cos catro volumes precedentes que compoñen o estoxo “Nós arredor de nós (100 anos dunha xeración irrepetible)”, publicados anteriormente pola mesma editorial con motivo do centenario da revista Nós.
Nesta liña, “Castelao entre Nós” é unha proposta ficcionada, un relato artellado de forma amena para achegar a figura de Castelao a un abano amplo de lectores. O propio título responde á finalidade de conquerir esa proximidade. Tras o inicial capítulo de “Arredor de min”, Castelao fai un percorrido en “Arredor de Nós” pola formación e desenvolvemento do grupo ao que pertence xeracionalmente, incluíndo os persoaxes principais e secundarios que o acompañan. Cabe mencionar neste desfile de abandeirados galeguistas aos integrantes de Nós, das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos, amigos como Lousada Diéguez e Alexandre Bóveda, editoriais e revistas fundamentais no contexto cultural do seu tempo.
Tralo seguinte apartado, “Arredor do que dixen”, no que se recolle unha breve selección de textos de Castelao, Paco López-Barxas compila baixo o epígrafe de “Arredor do que din”, un conxunto de fragmentos e opinións de máis de 40 persoeiros das nosas letras, desde Antón Vilar Ponte e os integrantes de “Nós” ata o actual presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o Presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, o presidente da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia Felipe Senén, pasando por outros como Risco, Picallo, Paz Andrade, Piñeiro, Fole, Torrente, Seoane, Cunqueiro, Granell, Novoneyra, Alonso Montero, X. L.Méndez Ferrín, Justo Beramendi, Casares, Siro López, Alfredo Conde ou César A. Molina, entre outros.
“CASTELAO ENTRE NÓS” inclúe unha significativa escolma poética que leva por título “Arredor dos poetas” a modo de homenaxe. Composicións todas elas dedicadas a Castelao, entre as que figuran poemas de Ramón Cabanillas, Teixeira de Pascoães, Celso Emilio Ferreiro, Luz Pozo Garza, Uxío Novoneyra, Salvador García Bodaño, Franco Grande, Dario Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, ou poemas inéditos realizados para esta edición por Xulio Valcárcel, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. O libro péchase cunha selección bibliográfica das obras de Castelao, dos estudos sobre Castelao e dos relativos á propia xeración Nós.
Velaquí, en definitiva,unha aportación bibliográfica para gozar de xeito sensorial coa súa lectura. Un agasallo co que Teófilo Edicións ven de sumarse ao espírito dos persoeiros que proxectaron os sinais identitarios no plano da galeguidade máis universal.
