O xoves 31 de xullo, ás 20 horas, terá lugar en Portas Ártabras unha interesante conferencia da man de Heitor Picallo, na que habemos mergullar naqueles relatos da literatura merliniá que teñen como escenario Galiza e Compostela. Reproducidos en códices que se conservan en distintas institucións museográficas e arquivísticas de Europa, non queremos renunciar a tratar sobre algúns destes manuscritos, tanto os redactados en variantes oilitanas como os que se verteron ou adaptaron ao toscano e veneciano. Alén de describir as orixes de Merlín e traer certo capítulo da Vulgata –nomeadamente do Merlín en Prosa– haberá outros extraídos das Profecías que, sobre ese mago, creou cara a 1272 o franciscano Richart d’Irlande.
Nun último lugar resaltarase a importancia de determinados incunábeis e edicións antigas francesas, ademais de explicar por que se prohibiron dende o século XVI tales textos.
Héitor Picallo Fuentes (Vila do Baño – Cuntis, 1974) é enxeñeiro técnico naval pola UDC. Alén de ilustrar libros, combina o seu oficio coa investigación, sendo obras súas: Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo galego (2008); Coa lingua na terra (2013), Cuntis na época romana (2016); No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (2018); As letras galegas en caricatura (2020); O escudo do Reino da Galiza: unha (re)visión (inter)nacional e A onomástica nacida da terra (2021). A elas súmanselle varios títulos infantís e outros de coautoría. Traballos seus ven a luz en Adra, Compostellanum, Conimbriga, Murguía, El Museo de Pontevedra, Raigame, Tapa, A Trabe de Ouro… Conta cos premios de xornalismo Máximo Sar (2005) e Reimóndez Portela (2012). É padroeiro do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas.

