Desde a Agrupación Cultural O Facho vos comunicamos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do primeiro trimestre de 2025.
O vindeiro día 18 de marzo, a profesora e escritora Celia M. Armas García impartirá unha palestra co título:
Rosalía de Castro e as escritoras na Galiza do SXIX
Data: 18 de marzo, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
Celia M. Armas García é profesora de lingua galega e literatura no ensino secundario, secretaria xeral da Mesa Pola Normalización Lingüística e secretaria comarcal de CIG-Ensino. Coautora de varios volumes de investigación sociolingüística (Sobre o racismo lingüístico) e literaria (Escrita e mulleres, No tempo de Follas Novas…) e autora de As mulleres escritoras, 1860-1870. O xenio de Rosalía.
Acompañaremos nesta palestra a Celia Armas por un percorrido pola prensa galega de mediados do Século XIX para podermos asistir á chegada das primeiras mulleres escritoras galegas á luz pública, entre as que destaca Rosalía de Castro.
