OS MUSEOS GALEGOS NUN “DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS”


Nesa  continua construción dun almanaque civil global, o que traspapela ao santoral e desconcerta á beatería, dende 1977 o Consello Internacional de Museos (ICOM) estableceu cada 18 de maio como “Día Internacional dos Museos”.  “Días” ideais, como un xeito  de endomingar a cultura, de edulcorala e encápsulala nun folión de fastos. Aproveitarase entón a convocatoria para cavilar no estado da cuestión das novas advocacións. Non cabe dúbida que todo entra nun proceso de cousificación da cultura, sometida á mercantilización ou macdonalización, cando os valores de uso se converten en valores de consumo, para solemnes liturxias e demais performances, cultura do espectáculo. Esquecendo que a cultura é o que o ser humano cultiva para sobrevivir dando resposta ao seu contexto espacial, temporal ou social e faise acudindo a tradicións, mitos, creacións, investigacións e relacións… e agora mesmo no remuíño da Cuarta Revolución Industrial, a da Intelixencia Artificial.

Galicia, confín que emproa ao Atlántico, é rica en xeoloxía, entón en  contrastes de paisaxes, ocupadas por arqueoloxías dende o Paleolítico, con mostras do  Megalitismo, dos Castros e dos romanos, da cristianización… do trunfo do Románico e do Barroco… País de misioneiros, conquistadores, aventureiros, mariñeiros, cerna do realismo máxico, de supersticións e mitos, de peregrinos, de homes e mulleres inventoras, de artistas, músicos…de aluados, tamén de encoros, eólicos, empresas… En fin, argumentos capaces de musealizarse, para contribuír así á información e á formación, á dignificación, ao aporte singular á universalidade.

Compre pois asumir que somos tan actores como espectadores da Historia, que atesouramos documentos, testemuñas, artefactos, retomando camiños nun longo proceso de madurez, así invertemos na educación creando o sitio das Musas, velaí o “Museion” grego, as prestixiosas coleccións renacentistas, os gabinetes de curiosidade da Ilustración…e así deica hoxe.

Proba de que a sociedade esta nun permanente devalar e mesmo con ela a idea e a definición de museo, agora acorde co noso tempo, coa democracia, a igualdade, as novas tecnoloxías e velaí  a aprobada polo ICOM  na súa 26 conferencia  celebrada en Praga a finais de agosto do 2022: “O Museo é  institución sen ánimo de lucro, permanente, ao servizo da sociedade, que colecciona, investiga, interpreta, conserva e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles, inclusivos, fomentando a diversidade e a viabilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética, profesionalidade, ofrecendo experiencias en función da educación, o lecer, a reflexión e o intercambio de coñecementos”.

Non faltan teorías ou  leis  sobre a xestión do museo, da Museoloxía… a realidade é outra

Así que, pondo en contraste cada unha das funcións  especificadas na definición de museo coa realidade galega, atopamos que boa parte dos chamados “museos” non responden a tan profesional criterio. Museos uns dependentes da Xunta de Galicia, outros das deputacións, como de concellos, de padroados ou fundacións…e moitas e importantes coleccións, que non museos, creadas por ese  principio do museo que  é reunir cousas con certa coherencia. Iso si, tampouco faltan leis ao respecto, como a Lei 7/2021 de febreiro de Museos e outros centros museísticos de Galicia (BOE 78 de 1 de abril 2021.)  na que se pormenoriza sobre o obxecto, o ámbito, as funcións, os deberes, a definición e estrutura, a administración, sobre o Consello de Centros Museísticos, como do Sistema Galego de Museos. Incidindo sobre o réxime de creación e cualificación de museos, coleccións e centros de interpretación… Rexistro Xeral,  os tipos de redes, organización, funcionamento e autonomía, persoal, visitas, acceso, a xestión dos fondos, depósitos, dacións, legados, dereito de tanteo e retracto, expropiación… como sobre a conservación, a restauración, a baixa de bens, a documentación, consultas, investigación, difusión… como sobre axudas, cooperación, patrocinio, participación, iniciativas. Sen faltar os aspectos sobre o réxime sancionador…sobre a didáctica,  a integración no Rexistro Xeral de Centros Museísticos de Galicia, con especificidadespara o  Museo Pedagóxico de Galicia, para os centros da Igrexa,  para o Museo do Pobo Galego… sobre a clasificación de museos, a derogación da normativa… En fin por leis e enredos burocráticos que non sexa, igual que pola existencia de departamentos que inzan o mapa, de concellos, de deputacións, da Xunta e do Goberno de España apelidados “de Cultura”….Iso si, despois vemos o que vemos: a  falta de espazos axeitados, así como de persoal cualificado e conseguintemente  con eses horarios  de “Pechado por descanso”.

Entre eses coutos é sobranceira a labor de museos que son referente, como o Museo de Pontevedra, o de Lugo , ambos dependentes das correspondentes deputacións, como o mesmo Museo de Belas Artes da Coruña, dependente da Xunta de Galicia, igual que o Museo do Mar de Vigo ou o de Bueu, o das Peregrinacións en Compostela… ou o Museo do Pobo Galego dependente de Padroado. O papel fundamental dos museos de sitio, como o da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os castrexos de San Cibrao de Las ou o de Viladonga, o romano de Aquís Querquennis… Mentres compre poñer fin á eterna obra no histórico Museo Arqueolóxico de Ourense… Iso si, parabéns ao Museo Etnolóxico de Ribadavia coa extensión ao Museo do Viño de Galicia na vella parroquial de  Camporedondo… E eses sobrevivintes museos de concellos, tal como o Arqueolóxico da Coruña que, dende hai anos, xa debería reformularse a súa reubicación  á nova museoloxía, dedicando o castelo de San Antón a museo de si mesmo: a fortaleza, a historia, os presos… A actual penuria do desexado Museo Luis Seoane, baixo unha fundación presidida pola alcaldía da Coruña, centro creado co fin de contaxiar a dimensión do artista que aplicou o seu arte á industria, en competencia cos Centros de Arte Contemporánea como CGAC de Compostela ou o MARCO de Vigo, mentres que o Museo Carlos Maside,  creado polo esforzo e creatividade do tandem  Díaz Pardo & Seoane, vencellado á ética e á estética do Laboratorio de Formas de Galicia, agora , da “a esquecemento da inxuria…”.  Entre o panorama os máis mimados centros interactivos das ciencias da Coruña fronte á heroicidade e gran riqueza de coleccións etnográficas, como o  formado por Olimpio Liste en Oseira e Vigo, o Museo Monte Caxado das Pontes, o da Capela, o de Meixido en Ortigueria, a Casa do Patrón en Lalín… detrás dos que latexa esforzo e voluntarismo, en ocasións tomando como modelo o Museo de Pepe el Ferreiro que situou no mapamundi a Grandas de Salime. O Museo das Mariñas de Betanzos, a singularidade merecedora de maiores atencións do ecomuseo do Forno de Forte de Buño, dependente do Concello-Deputación…  Meritorio o Museo do Entroido de Xinzo, parello ao Museu Ibérico da Máscara na trasmontana Bragança. Sen deixar a urxencia de que as clausuras, as sancristías, as dioceses ensinen os seus tesouros, velaí lección das Clarisas de Monforte, o Museo de Arte Sacro da Colexiata, da Coruña… Sumando á nómina ó mérito inacabado de casas museos, como a de Rosalía en Padrón, a de Curros en Celanova, a de Cabanillas en Cambados, a Casa da Troia en Compostela, a da Pardo Bazán na Coruña, as de Valle Inclán na Pobra e en Vilanova, a Manuel Antonio en Rianxo, a Manuel María en Outeiro de Rei, a de Novoneyra en Parada do Courel… E museos, por arte de birlebirloque desaparecidos, como o Museo Eléctrico de Fenosa, o de Arte Contemporanea MACUF

O museo é unha inversión en futuro, prioritaria para gardar, informar e formar… toda escavación arqueolóxica implica previamente un museo con garantías de conservación, estudo exposición… Sirva, pois, ao menos un “día” para facer exame de conciencia.

Felipe Senén

18 – MAIO – 2024