DOMINGO 11 DE MAIO: XEIRA A VILANOVA DAS INFANTAS, CASTROMAO E TERRAS DE CORTEGADA DE MIÑO


O domingo 11 de maio, Amigos dos Museos de Galicia realizaremos unha singular viaxe “de autor”, a fin de coñecer as Terras de Cortegada de Miño e arredores de Celanova (Castromao, Vilanova das Infantas…). Paisaxes naturais e culturais de fondo valor literario, omnipresentes na obra de Méndez Ferrín, a súa Arnoia, a Milmanda na que revitaliza o ciclo artúrico… Onde recordaremos a Curros e o seu poema A Virxe do Cristal, o seu mito, a súa historia…. Coñeceremos a aldea, a Torre de Vilanova e visitaremos o Castromao (Coelernia), un dos asentamentos castrexos que máis documentación teñen ofrecido sobre a romanización da Gallaecia. Seguirá o noso itinerario por terras de Ramirás cara a Cortegada, lembrando as andanzas do fuxido e político galego Antón Alonso Ríos… entre tantas historias de peregrinos, arrieiros, estraperlistas, recordando tamén que o filósofo Espinoza (xudeu) era destas terras… espazos vitais e mesmo sepultura dos Moralejo Álvarez. O profesor e amigo Luís Pérez natural destas terras de confluencia de ríos, Arnoia, Miño e Deva, axudaranos a dar boa conta do recorrido. Iso si, tendo o xantar enxebre en Melgaço, na “ruta dos vinhos verdes”.

Podes anotarte en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) ou chamando ao teléfono 981 21 01 01, de luns a venres 19 a 21 horas.

Foto: wikipedia