SÁBADO 13 DE XUÑO: VISITA AO PAZO DO FARAMELLO


O sábado 13 de xuño pola tarde (saída da Coruña ás 16:00 das paradas habituais), este colectivo de Amigas e Amigos dos Museos de Galicia, realizaremos unha visita guiada tanto ao exterior como a o interior do Pazo do Faramello en Rois.

Anótate, canto antes, en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) ou chamando ao teléfono 981 21 01 01, de luns a venres 19 a 21 horas.


Debuxo de Felipe – Senén do Castro Lupario e Pazo do Faramello.

O pazo do Faramello é un pazo barroco (século XVIII) situado na parroquia de Ribasar no concello de Rois, moi preto do Camiño portugués de Santiago e a 12 quilómetros de Padrón e Santiago de Compostela. Conta cun eido de 12,6 hectáreas onde salientan os xardíns franceses deseñados no século XIX. Está arrodeado por unha carballeira de gran biodiversidade e do lendario castro da Raíña Lupa.

Historia e arquitectura
Trátase dun edificio de estilo barroco civil compostelán con influencias italianas que delatan a orixe xenovesa do seu fundador, o Marqués de Piombino. Construíuse para servir de vivenda familiar e ergueito nuns socalcos sobre o canón do río Sar a comezos do século XVIII de estilo barroco compostelán civil. É o último pazo do Camiño Portugués a Compostela. O edificio principal supera os 2100 m² e a súa orixe é industrial, xa que se fundou a partir da Real Fábrica de Papel do Faramello, 1710, pioneira e abandeirada da industria galega por máis de dous séculos. Nas súas cabalarizas albergouse o arsenal contra as tropas francesas nas revoltas do 2 de xuño de 1808. O pazo foi ademais residencia de verán do rei Afonso XIII e do Infante Lois de Baviera nas súas viaxes a Galiza, polo que tamén se coñece co nome local de Balmoral do Sar.

A capela das Neves data do ano 1727 e acolle un retablo de madeira realizado polo mestre Xosé Gambino, nado no pazo, é un dos escultores barrocos principais da catedral de Santiago de Compostela. No pazo hai dous cruceiros, un no xardín e outro a carón da capela.

O pazo e a literatura
Varios autores galegos víronse fascinados polo pazo. Emilia Pardo Bazán dixo: Hai moitos pazos, mais Faramello é único; Rosalía de Castro confesou que a beleza do Faramello conxeláralle a alma; Cela dixo que o pazo é o segredo mellor gardado do Camiño que din do Apóstolo. É ademais unha das contornas principais da novela de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya, de 1915.

Xardíns
O eido mide unhas 12,6 hectáreas; nel aparecen os xardíns franceses deseñados no século XIX. Ademais posúe regueiros con fervenzas, arboredos e unha carballeira de gran biodiversidade con especies salientábeis como lontras, grúas e garzas. Disque nunha poza vive unha ninfa que por veces sae da auga para contemplar a paisaxe deitada nun penedo (típica lenda galega de mouras).

Texto e fotografía extraídos da Galipedia