O sábado 28 de marzo ás 16 horas sairemos cara Santiago de Compostela para visitar a exposición adicada ao escultor Asorey no Museo da Cidade da Cultura do monte Gaiás.
A exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria afonda desde unha óptica contemporánea no complexo mundo creativo do seguramente máis destacado escultor de Galicia e un dos renovadores da arte escultórica española do século XX. Esta reúne unha selección das obras máis importantes do escultor. Desde as pezas iniciais nas que podemos apreciar as súas primeiras eleccións estéticas, ata as esculturas en madeira nas que desenvolve unha iconografía de claras raíces populares e un tratamento singular da policromía, así como tamén a súa obra monumental, presente en toda a xeografía galega.
Anótate, canto antes, en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) ou chamando ao teléfono 981 21 01 01, de luns a venres 19 a 21 horas. ÚLTIMAS PRAZAS.

Francisco Asorey
Logo de formarse entre Barcelona, Barakaldo e Madrid, Asorey decidiu regresar a Galicia e establecerse en Santiago de Compostela. Desde alí, nos seus talleres na Rúa Caramoniña e tras Santa Clara, transformouse nunha especie de viaxeiro inmóbil, interior, coa escultura por eixo pero a mirada aberta ao mundo. Asorey representa a simbiose perfecta entre a tradición cultural galega e a ambición dunha arte universal. A súa obra conecta a Galicia rural e mariñeira coas grandes tendencias artísticas do século XX, integrando o realismo social, o simbolismo e a tradición barroca galega.
Conectou con intelectuais, escritores e poetas do seu tempo como Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Castelao e Valle-Inclán, moitos deles asociados tanto ás Irmandades da Fala como á Xeración Nós. Aínda que non lle interesaba a acción política, a defensa dos valores propios da cultura galega e da educación como ferramenta para a prosperidade do país marcaron as súas afinidades. Este vínculo faise visible na exposición a través de esculturas e escaiolas de Asorey de escritores e de libros destes relacionados co artista.
Asorey gozou xa en vida dunha enorme popularidade e contou co apoio e admiración da crítica e coa popularidade obtida a través das reproducións en cerámicas, láminas e tarxetas postais con vistas dos seus monumentos e obras máis destacadas, que mesmo foron tomadas como imaxe publicitaria, nun recurso utilizado na época tamén con obras de Velázquez ou Goya.