O venres 28 de novembro, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación de “UN INTRE NO TEMPO” POESÍA REUNIDA 1967 – 2017 de X. L. Franco Grande.
Acompañando a editora do libro, Teresa Seara, estarán as fillas do autor, Rosalía e Navia Franco; e María Pereira, directora de Merlín Comunicación.
X. L. Franco Grande adoita incluírse na chamada xeración das Festas Minervais, cuxos trazos distintivos, ademais de nacer entre 1930 e 1940, son estudar na Universidade compostelá, implicarse no galeguismo baixo o liderado de Ramón Piñeiro e apoiar o proxecto cultural de Galaxia.
Nesta Poesía reunida inclúense os seus catro poemarios: Entre o si e o non (1967), O tempo á espreita (1987), Xoguetes do tempo (2015) e o Libro das abandonadas (2017). Un percorrido vital na procura da identidade, dende o existencialismo inicial e o fatalismo ata chegar á paixón e ao desamor, sempre coas inclementes agullas do reloxo do tempo presentes.
