DOMINGO 30 DE NOVEMBRO: XEIRA ESPECIAL DENDE COMPOSTELA A FISTERRA POR PONTEMACEIRA, NEGREIRA, BRANDOMIL, DUMBRÍA…


O domingo 30 de novembro faremos esta xeira especial que nos levará da Coruña a Compostela para seguir camiños míticos e históricos cara Fisterra, pasando por terras de orixe da Casa de Trastámara, Pontemaceira, Negreira, seguindo polas beiras do considerado sacro monte Corzán… a Ponte Brandomil, punto de asentamento dunha importante mansión romana, adentrándonos en terrotorio que as crónicas dun bispo peregrino armenio, Martiros, século XV, dician do extraño monstro Vakner… Dumbría e o seu “cimeterio bonito”… pasando onde estivo a mítica Duio…. Cee, Corcubión e a inspiradora Fisterra dos cristianizados cultos solares, onde lembraremos a obra de Benxamín Trillo “As pegadas de Santiago nos camiños de Fisterra”. Unha viaxe fundamental para adentrarse no espírito de Galiza.

Como nos caracteriza, non faltará o típico xantar enxebre. Podes anotarte en Portas Ártabras (Sinagoga, 22 – A Coruña) ou chamando ao teléfono 981 21 01 01, de luns a venres 19 a 21 horas.

Ponte Maceira. Foto: Wikipedia