O xoves 21 de agosto, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación do libro: “GALICIA Y LA SEGUNDA CIRCUNNAVEGACIÓN A LA TIERRA. SIGLO XVI” do profesor e escritor Santiago Juega Puig.
O 24 de xullo de 1525, partiu da Coruña a expedición de Loaísa, formada por 450 homes e 7 naves. Ía de segundo de a bordo o piloto maior Juan Sebastián Elcano. A misión era chegar ás illas Molucas para comezar o comercio das especias. As dificultades da navegación provocaron o afundimento dunha das naves e a deserción doutras dúas. Os restos da armada dispersáronse nun terrible temporal e nunca se reencontraron. Só a nave capitá chegou ao seu destino, onde xa estaban establecidos os portugueses, apoiados desde Malaca, cos que tiveron unha relación guerreira extremadamente heroica sen máis apoio durante moitos anos que a chegada dunha nave desde México. Carlos I tomou unha decisión moi cuestionable, pola que os escasos sobreviventes tiveron que regresar á patria, conseguindo culminar a segunda circunnavegación á Terra en 1536, aínda que na maioría dos textos cítase, erroneamente, que tal proeza realizouna o corsario Francis Drake (1577-1580).
Un dos membros da tripulación conseguiu uns anos máis tarde, grazas á experiencia adquirida nesta expedición, atopar a ”tornaviaxe”, o traxecto de regreso de Filipinas a México, nacendo así o roteiro do Galeón de Manila, que uniu tres continentes, Europa, América e Asia, a través do Atlántico e o Pacífico, durante 250 anos, desde 1565 ata 1815.
Descríbense as seis circunnavegacións, realizadas no século XVI, e cada unha delas acompáñase dun magnífico mapa extensible.
