VENRES 14 DE MARZO: “PREFIRO CONDENARME” ANTOLOXÍA POÉTICA DE MARGARITA LEDO


O venres 14 de marzo, ás 20 horas en Portas Ártabras terá lugar a presentación de de “Prefiro condenarme”, a antoloxía poética de Margarita Ledo Andión que editou Chan da Pólvora. O acto, contará coa presenza da autora xunto a Eva Veiga, que escribiu a introdución ao volume. Canda elas estará o director de Chan da Pólvora, Antón Lopo.

Margarita Ledo Andión percorre as arestas da súa poética en Prefiro condenarme, título que coincide co do seu último documental e que inclúe pezas inéditas, como os seus poemas a Monforte de Lemos. A autora tiña 19 anos cando publicou en Xistral, a editorial de Manuel María e Saleta Goi, o libro Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, o seu primeiro poemario. Agora, 55 anos despois, volve os ollos cara ao pasado e atravesa en Prefiro Condenarme, publicado por Chan da Pólvora na súa colección Cova da lontra, a historia da súa poesía. Faino, ademais, cun libro de miradas múltiples para descubrirnos os ángulos menos visibles do poema.

O título, baixo o que se agrupan desde as súas primeiras composicións de xuventude ata os textos máis recentes e característicos do seu estilo, coincide co da súa máis recente película, onde desenvolve en clave documental a idea do amor como insubmisión. Aquí, porén, Prefiro condenarme vólvese memoria accidental dunha frase que lle escoitou á súa nai.