XOVES 6 DE FEBREIRO: “OS DEPORTADOS CORUÑESES AOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS. O CASO DO INTELECTUAL JUAN GONZÁLEZ DEL VALLE”


O xoves 6 de febreiro, ás 20 horas en Portas Ártabras, terá lugar a conferencia impartida por Carmen García-Rodeja (Asociación Pola Memoria Histórica) e Luis Pérez (Catedrático de Literatura e avogado), titulada: “OS DEPORTADOS CORUÑESES AOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS. O CASO DO INTELECTUAL JUAN GONZÁLEZ DEL VALLE”.

Juan González del Valle González de la Vega, nado na Coruña o 14 de outubro de 1898, escritor e activo político republicano galego, colaborador da revista Alfar, elexido académico correspondente da Real Academia Galega e foi membro do Seminario de Estudos Galegos. A partir da guerra civil, refuxiado en Francia, será deportado a Mauthausen – durísimo campo de concentración, célebre polas canteiras de pedra e os chanzos da morte para os condenados a traballos forzados -. Morreu no comando de Gusen no castelo de Hartheim o 26 de setembro de 1941.

Percorrido pola vida dun intelectual e humanista coruñés que lembraremos xunto coas de outros homes e mulleres, de enorme valía, implicados en canto supón o humanismo e que sufriron os máis crueis efectos do golpe de estado.

Entrada libre ata completar aforo.