MARTES 4 DE FEBREIRO, PALESTRA DE ANTÓN FERNANDEZ MALDE: RUTAS DE PODER – CAMIÑOS ANTIGOS E ORGANIZACIÓN DO TERRITORIO (O FACHO)


Desde a Agrupación Cultural O Facho vos comunicamos a celebración  do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do primeiro trimestre de 2025.

O vindeiro dia 4 de febreiro o arqueólogo e investigador Antón Fernández Malde, impartirá unha palestra co título: RUTAS DE PODER: CAMIÑOS ANTIGOS E ORGANIZACIÓN DO TERRITORIO.

  • Data4 de febreiro, martes
  • Hora: ás 8 do serán
  • Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña

Contido da palestra: 

Os cambios do poder vanse ver reflectidos en variacións na rede viaria (nos camiños) que, a súa vez, están a indicar cambios na estrutura de organización do territorio. Dito de outra maneira, os cambios na rede de camiños está a indicar unha distinta pauta de organización do territorio relacionada con cambios no poder.
Certamente, o traxecto dos camiños antigos están moi condicionado polas condicións xeográficas. Así, grandes formacións naturais impiden o tránsito mentres que noutros casos a súa ausencia facilitan a circulación (corredores naturais utilizados de forma histórica). 
Porén, os camiños antigos non son simples condutos de desprazamento. A rede viaria é unha peza importante da organización do territorio. A estrutura de poder determina que lugares son relevantes, e por tanto para onde deben ir os camiños. Os cambios na rede viaria poden estar a relacionados con mudanzas na estrutura de poder.

Indo á realidade, temos escoitado dicir que os camiños medievais son unha continuidade das vías romanas. É unha verdade a medias. Efectivamente, coñecemos o traxecto de algunhas vías romanas analizando, entre outras, a traza dos camiños medievais. Pero as veces hai cambios substanciais. Nesta charla imos analizar varios casos novidosos nos que estamos a traballar, nomeadamente na zona do Monte do Gato.