O xoves 30 de xaneiro, ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a lectura dramatizada a cargo dos actores de teatro Casahamlet e Studio XXI de “BAIXO O BOSQUE DE LEITE” de Dylan Thomas.
Baixo o bosque de leite é a derradeira obra de Dylan Thomas, e se cadra a máis famosa. A descrición cunha linguaxe exuberante dunha vila costeira de gales, con momentos ás veces solemnes, outros de comedia aloucada e sempre cunha ollada amable sobre os habitantes, vivos e mortos, de Llareggub, contén elementos universais onde todos nos podemos recoñecer.
Dylan Thomas (1914-1953), de vida transversal, poeta, dramaturgo, polígrafo, singular rapsoda, considerado como neobardo céltico galés, caracterizado entón pola forza dos seus poemas e a súa voz axeitada aos medios de comunicación de entón, o micro, a radio… cunha forte influencia, mesmo o cantoatutor Robert Allen Zimmerman (Bob Dylan) agasállao tomando o apelido de Dylan como seu nome artístico.
Baixo o bosque de leite é unha obra que xa viña anunciada ao longo da súa carreira literaria. A primeira referencia que temos a Llareggub atopámola no relato The Orchards, despois o relato de Quite early One Morning é o punto de partida do que chegará a ser Baixo o bosque de leite. En realidade, quen coñeza os poemas e a prosa de Thomas vai percibir trazas deles nesta peza porque toda a experiencia poética do autor está presente nesta obra.
Acto no que se presentará o libro Baixo o Bosque de Leite, editado por Medulia e traducido por Xerardo Couto ao galego.
