VENRES 29 DE NOVEMBRO: RISCO E A DOUTRINA DA NOBRE ORDE GALEGA DO SANCTO GRAAL


O venres 29 de novembro ás 20 horas terá lugar en Portas Ártabras a presentación da edición con estudo crítico realizado por Felipe Senén do libro de Vicente Risco: “DOUTRINA E RITUAL DA MOI NOBRE ORDE GALEGA DO SANCTO GRAAL – A ESTRELA DO APOSTOLO”

No ano 1914 Vicente Risco asiste en Madrid ao Parsifal de Wagner, opera de inspiración celto-cristiá, que o filósofo, dinamizador, creador de irmandades e seminarios… considera como arte suprema. E velaí a inspiración enredada en fonduras celtas e cristiáns para elaborar o borrador da Doutrina do Sancto Graal, reivindicación do seu simbolismo: o cáliz, a estrela, o corno, os montes sacros de Galicia… un xeito de catecismo realizado desde un realismo máxico e certa retranca que lle porá aura á creatividade daquel tempo, entendendo “Galiza como célula de universalidade”.

O acto contará coa presenza de Xavier Alcalá (escritor) en representación da Editorial, Celia Pereira Porto da Fundción Vicente Risco e Felipe Senén que falará do facsimil do libro, así como do contexto histórico e cultural daqueles anos do Modernismo en Galicia: os aristocráticos “inadaptados” e “diferentes”, a teosofía e o trasmundo, a ascese… o simbolismo decadentista, a influencia dos parladoiros de Mondaríz arredor destes temas e das bases da identidade galega, o celtismo e o cristianismo, o espello irlandés… os símbolos de Galicia e tal influencia en creadores como Cabanillas, Camilo Díaz Baliño, Asorey ou Antonio Palacios: a obra con espírito de Terra.

Entrada libre ata completar aforo.