O xoves 31 de outubro, ás 20 horas en Portas Ártabras terá lugar a presentación de “AS HORAS MORTAS” VIAXES E CONVERSAS POR CEMITERIOS GALEGOS de Emma Pedreira, editado por Baía.
No acto amais a autora participan Xurxo Souto, Pura Tejelo e Valentín García.
Baixo este título reúnese unha antoloxía de cemiterios, camposantos e lugares fúnebres do noso país, ademais dos nosos rituais, crenzas e o corpus mitolóxico que galegas e galegos levamos no adn no tocante á morte.
Concibido como unha guía de lugares e tamén como un compendio de historias para ler desde o sofá, este percorrido por unha pequena parte dos máis de 3.600 cemiterios da nosa comunidade autónoma, revisita desde o histórico Santo Amaro ata un dos cemiterios máis pequenos do mundo. A tumba dun Nobel ata a dun actor nominado ao Óscar.
A autora viaxa, ás veces soa e outras acompañada por persoeiros vencellados ao cemiterio que visita para coñecer máis de cerca as lendas e as historias reais, ás veces con límites difusos, achegando á nosa literatura unha viaxe única e persoal.
Este As horas mortas, de Emma Pedreira, achega á literatura de noso, unha viaxe única e persoal, reflexiva e subxectiva moitas veces, literaria e artística outras, para a que se fai acompañar dun caderno de notas e de voces de poetas, narradoras, docentes, xente do mundo da plástica pero tamén historiadoras, persoal sanitario, enterradores, sancristáns, campaneiras, arquiveiros, achegan a súa perspectiva persoal sobre a morte.
A simboloxía das lápidas, o tratamento da linguaxe, a progresiva reaparición das mulleres na propiedade das tumbas, a superstición e a maxia, personaxes singulares e personalidades históricas ou acontecementos tráxicos, centran este percorrido por cemiterios históricos e antigos, municipais e rurais, pequenos e grandiosos, abandonados e multitudinarios.
Percorridos como a Ruta dos Cemiterios Indianos do norte, os cemiterios illegos, os desaparecidos, republicanos, protestantes e de disidentes, son algunhas das propostas de As horas mortas.
Entrada libre ata completar aforo.
