Desde a Agrupación Cultural O Facho vos comunicamos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2024.
O vindeiro dia 29 de outubro o profesor e arquitecto Xosé Allegue impartirá unha palestra co título: “GALICIA: TERRITORIO CAPTURADO”
Data: 29 de outubro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
GALICIA : TERRITORIO CAPTURADO
O concepto de “Captura das políticas” define a capacidade de influencia dos lobbys económicos sobre o poder lexislativo dun país para conseguir que se lexisle á medida dos seus intereses e contra o ben común, mentres que as “elítes extractivas” serían aquelas beneficiadas polos gobernos capturados, quens redactan unha aparataxe lexislativa ao servicio distas elítes impedindo así o crecemento económico sostible equilibrado e xusto e a distribución equitativa da riqueza e conducindo ás nación ao seu fracaso.
A “captura das políticas” e do aparato lexislativo polas elítes extractivas caracteriza dende sempre a gobernaza do territorio en Galicia. Por tanto a súa absoluta desregulación non é unha casualidade. Así, as multinacionais papeleiras, mineiras enerxéticas e de tráfico de lixo contaminante, capturan o aparato lexislativo para poñelo ao seu servicio. Diste modo prodúcese una “captura” das políticas territoriais que produce de forma legal a forma mais dañina da corrupción institucional e estrutural , o que está levando a Galicia ao seu fracaso como nación.
Xosé Allegue
Doutor Arquitecto polas escolas de arquitectura de Lille ( Francia) e A Coruña. Desde 1993 é Xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio de Santiago.
Foi durante 10 anos Profesor de proxectos na Escola de Arquitectura de University College Dublin ( 2009-2019) e 10 anos Membro da Comisión Asesora da Cidade Histórica de Santiago de Compostela (2010-2020). Autor de numerosos relatorios en congresos nacionais e internacionais e numerosos artigos en revistas especializadas sobre territorio, Patrimonio , e dereito a Vivenda. Na súa dilatada traxectoria recibu numerosos premios, nacionais e internacionais.