MARTES 15 DE OUTUBRO: PROXECCIÓN DE: “ALTRI: A SEDE INSOSTIBLE” DE ELENA MARTÍN E PABLO SANTIAGO. O FACHO.


image.png

Desde a Agrupación Cultural O Facho  vos comunicamos a celebración  do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2024.

O vindeiro dia 15 de outubro se proxectará un audiovisual co título: “ALTRI: A SEDE INSOSTIBLE”

Data:15 de outubro, martes

Hora: ás 8 do serán

Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña

O audiovisual, de Xarda e O Salto Galiza, foi realizado por Elena Martín e Pablo Santiago e contou co apoio e a colaboración de varias asociacións e plataformas en defensa do territorio.

A Xunta, Altri e Greenalia pretenden instalar unha fábrica de celulosa e lyocell no centro do país. O que ía ser un proxecto “sostible” e “respectuoso co medio” rematou sendo o enésimo intento de lucro do capitalismo salvaxe cos recursos da nosa terra. Na súa defensa, a veciñanza da Ulloa organizada, protexendo os seus ríos, o seu aire e os seus empregos deste intento de espolio.

O audiovisual percorre o ciclo da auga proxectado pola promotora do proxecto; desde o punto de recollida de ata 46 millóns de litros diarios en Brocos, ata O Sexo, onde será devolta parte da auga, tratada e máis quente. Polo camiño, 20 quilómetros de tubaxes, centos de fincas expropiadas, e unha megafactoría en Palas de Rei, pegada ao Camiño de Santiago, que emitirá oxido de xofre e óxido de nitróxeno á atmosfera.

Voces expertas e veciñas destes lugares expoñen de que xeito lles pode afectar no seu día a día e nos seus empregos, nunha zona vizosa de proxectos sostibles que agora son amenazados.

Agrupación Cultural O`Facho

image.png