O xoves 3 de outubro, ás 20 horas terá lugar a conferencia – presentación arredor do libro “A invención da Gallaecia e a minaría do ouro” do xeólogo Oscar Pazos.
Segundo din algúns, cada ano a Asturica con Gallaecia e Lusitania producen vinte mil libras, disque a maior parte a Asturica. Ningún lugar do mundo mantén de tantas xeracións atrás tal fertilidade. .
Plinio. Historia Natural.
O gran ciclo mineiro do ouro galaico-romano amorea unha chea de interrogantes arqueolóxicos, mineiros e xeolóxicos por resolver, mais sobre todo constitúe un problema histórico de seu que ten moitísima relevancia para os galegos, pois foi neste tempo cando a Gallaecia abrollou a Historia. Para dar resposta a algúns destes interrogantes e problemas presento neste libro unha tese que atopa na minaría do ouro a razón histórica da invención e supervivencia da Gallaecia, a única provincia do Imperio romano que segue a ter, após vinte séculos, continuidade coma entidade administrativa e política.
A Gallaecia do finisterre romano foi deseñada por Augusto sobre unha vella sociedade castrexa de mineiros e guerreiros para artellar un único goberno á miríade de pobos e comunidades de cultura e xeografía compartida. Para os castrexos, o prezo dese pacto foi o ouro arrincado á terra, mais o premio foi a supervivencia.
Oscar Pazos:
Licenciado en Xeoloxía. Membro da Comisión de Geoarqueologia da SGE. Socio da SEDPGYM.
Ao longo destes anos fixen investigacion en temas de sedimentoloxía litoral e consultoría en medio ambiente, xeotécnica e xeopatrimonio, básciamente como xeólogo autónomo. Tamén fixen e sigo a facer estudos de xeofísica de resistiviidade. Comecei a investigara minaría galaico-romana hacia 2013, e en 2018 publiquei unha primeira versión de A invención da Gallaecia e a minaria do ouro. Unha tese sobre as orixes da Galiza, que en 2023 volvín publicar nunha nova versión ampliada con novos temas e áreas mineiras, que é a que presento. Dende entón compaxino a investigación deste ciclo mineiro coa súa divulgación, en palestras e xornadas de campo.
Entrada libre ata completar aforo.