XOVES 19 DE SETEMBRO NO MACCMO DE CORME: CONFERENCIAS PROXECTO PECIO DA ARNELA


O vindeiro xoves 19 de setembro ás 19.00h o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (Rua Real 14, Corme) acollerá unha conferencia única e de gran importancia no labor que a Asociación Cultural Insua de Viastela está a facer para poder identificar e preservar os restos do pecio da Arnela.
Contaremos coa participación de Xabier Agote, presidente e fundador de ALBAOLA, entidade recoñecida internacionalmente e especializada en salvagarda e construción de embarcacións históricas. No seu estaleiro-museo Albaola Itsas Kultur Faktoria, situado en Pasaia (Gipuzkoa) entre outros proxectos están actualmente a construir a réplica histórica dun baleeiro do século XVI, o San Juan, a partir da investigación científica realizada ao pecio atopado polo equipo de arqueoloxía subacuática de Parcs Canada en Rede Bay, Canadá. Este proxecto de construción conta co patrocinio da UNESCO. O estaleiro-museo Albaola Itsas Kultur Faktoria está actualmente nomeado ao premio de mellor museo popular por National Geographic.
Xabier Agote dará unha conferencia titulada “A nave baleeira San Juan: construción a partir da arqueoloxía subacuática”.
A charla contará tamén coa presenza de Xabier Alberdi, director científico de Albaola e director do Museo Marítimo Vasco, que falará sobre “A fragata Praceres no contexto da Real Compañía de Filipinas”.
O espazo divulgativo acollerá tamén unha última charla sobre “A importancia do patrimonio subacuático en Corme”, da man de David Fernández Abella, director do proxecto Pecio da Arnela.
Coincidindo coas mareas vivas máis grandes do ano, os relatores achegaranse á Arnela durante a mañá do 19 de setembro (ás 11.30h), para poder identificar e estudar o pecio nas mellores condicións que se poderá ver durante este ano 2024. Verase a primeira ollada en seco. Esta é unha das razóns polas que visitarán o pobo nesta xornada, coa intención de colaborar na identificación e analizar as posibles actuacións para a súa conservación.
Desde Insua de Viastela seguimos apostando pola cultura e agradecemos esta inestimable e valiosa colaboración a Albaola.
Na actividade colabora: Albaola, A.C. Naufraxios Galegos e o Concello de Ponteceso.