MARTES 17 DE SETEMBRO, PALESTRA DE MANEL CRÁNEO: “MÁIS DE 50 ANOS DE BANDA DESEÑADA GALEGA NON É POUCO” (AGRUPACIÓN CULTURAL O’FACHO)


31350a42-f080-4181-9785-1f0ffabee093.png

Desde a Agrupación Cultural O`Facho vos comunicamos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do terceiro trimestre de 2024.

O vindeiro dia 17 de setembro o autor, editor e produtor cultural Manel Cráneo impartirá unha palestra co título:

“MÁIS DE 50 ANOS DE BANDA DESEÑADA GALEGA NON É POUCO”

Data:17 de setembro, martes

Hora: ás 8 do serán

Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña

O autor falará dalgúns dos fitos esenciais que marcaron a historia da banda deseñada desde as súas orixes na década de 1970, facendo un percorrido ata a situación actual do cómic en lingua galega onde a cidade da Coruña xoga un papel estratéxico por múltiples causas. Todo isto desde a súas distintas perspectivas grazas a súa visión especializada neste eido cultural.

Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é autor, editor e produtor cultural especializado en banda deseñada (BD). Comezou facendo fanzines na década de 1990, ten colaborado con revistas e xornais, entre outras, realizou novelas gráficas como Os Lobos de Moeche, Destino Hërguss ou Cinza. Creou tamén a marca de entretemento Planeta Mincha aplicada a medios como a BD, libros ilustrados, animación, pasatempos, performance, música, artesanía, etc.

A súa implicación co sector profesional levouno a refundar en 2003 a AGPI (Asociación Galega de Profesonais da Ilustración) da que foi o primeiro presidente. Foi tamén vicepresidente de FADIP (Federación de Asociacións de Ilustradores Profesionais) durante a presidencia de Horacio Altuna. En 2009 fundou a editora Demo, especializada en BD galega. En 2015 creou a plataforma Coruña Gráfica para potenciar o panorama autoral coruñés. En 2024 foi nomeado director do festival internacional de BD Viñetas desde o Atlántico. Como divulgador colabora no Diario Cultural da radio Galega cunha sección semanal sobre banda deseñada.

Atentamente,

Agrupación Cultural O’Facho