XOVES 5 DE SETEMBRO: PROXECCIÓN DE TRABALLOS E DÍAS DE FRANCISCO LEIRO – O PURGATORIO DE ASER ÁLVAREZ


O xoves 5 de setembro, ás 20 horas en Portas Ártabras terá lugar a proxección da segunda parte do documental “TRABALLOS E DÍAS DE FRANCISCO LEIRO – O PURGATORIO” arredor dun dos escultores contemporáneos galegos máis internacionais: Francisco Leiro. Contaremos coa presenza de Aser Álvarez, director e productor deste premiado documental.

Film do 2016 producido por Arraianos sobre os traballos e os días de Francisco Leiro que non pretende ser unha biografía nin tampouco unha presentación da obra, senón simplemente mostrar cales son as condicións físicas e mentais do proceso de creación deste escultor na actualidade. É a primeira vez que un equipo de rodaxe entra nos seus lugares de traballo, en Cambados, Madrid e Nova York, realizando un seguimento do seu proceso creativo ao longo de tres anos.

Francisco Leiro, fillo de canteiros, iniciouse na escultura de maneira autodidacta, influído pola imaxinería popular galega. Trasladouse do seu Cambados natal a Santiago de Compostela onde estudou na Escola de Artes e Oficios. Posteriormente viaxa a Madrid onde asiste a clases de debuxo e modelado na Escola de Belas Artes de San Fernando. Durante os anos setenta participa no grupo Forga e a súa escultura foi influída polo surrealismo. Nos oitenta participa no colectivo Atlántica que aglutina a artistas que renovaron as artes plásticas galegas como Menchu Lamas, Antón Lamazares ou Antón Patiño entre outros. Tras expoñer en Italia e Francia, en 1990 presenta a súa obra na Marlborough Gallery de Nova York, onde reside desde 1988.

Aser Álvarez (Ourense, 1976) é Licenciado en Políticas e Xornalismo e director do Festival Internacional de Cinema Carlos Velo. Dentro da compañía Arraianos Producións, da que é socio, realizou o documental 100%CEF, Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental e Premio Especial no Festival de Cinema de Bucarest.