O xoves 22 de agosto, ás 20 horas en Portas Ártabras terá lugar a proxección dun interesante documental arredor do novo Museo – Galería das Coleccións Reais.
A creación da Galería das Coleccións Reais é o proxecto museístico máis importante das últimas décadas en España.
A Galería é o escaparate de canto significa Patrimonio Nacional na súa faceta de institución cultural. Exhibe unha selección do prodixioso conxunto de coleccións artísticas reunidas pola Coroa ao longo do últimos cinco séculos e que, a partir da Segunda República, son patrimonio de todos, o que supón a desaparición da tradición do coleccionismo real entendido como tal.
Aquí preséntanse, ordenados cronoloxicamente desde o fin da Idade Media ata os nosos días, os exemplos máis exquisitos de pintura, artes decorativas, mobiliario, porcelana, vidro, instrumentos musicais, armaduras ou tapices. Pasear polas súas salas permite entender a evolución do gusto e o coleccionismo real en paralelo ao da propia historia do país.
A Galería nace en diálogo e como complemento aos Reais Sitios e Reais Padroados que xestiona a institución. Se naqueles conxuntos as coleccións poden admirarse en contexto, aquí fano ordenadas por reinados e por áreas temáticas nun relato que nos axuda a comprendelas mellor.
As últimas seccións do percorrido do museo explican como é Patrimonio Nacional hoxe, na súa dobre tarefa de conservación e xestión dos bens culturais e naturais que custodia, e de apoio institucional á Xefatura do Estado.
Todo iso exhíbese nun edificio do século XX que é unha obra de arte en si mesmo, un proxecto que permite admirar as pezas en diálogo coa linguaxe espacial contemporánea e que se imbrica de maneira orgánica na contorna do Palacio Real e o Campo do Mouro. Transitar polas súas salas permite, ademais, gozar de vistas inéditas sobre a cidade.
Patrimonio Nacional entende a Galería como un espazo vivo e un lugar de encontro: a exposición renovarase periodicamente e permitirá exhibir pezas recentemente restauradas; mostrar outras obras cedidas para exposicións temporais ou celebrar eventos corporativos.
Entrada libre ata completar aforo.