O xoves 21 de marzo, ás 20 horas en Portas Ártabras, Aurelia Balseiro (Directora do Museo Provincial de Lugo) continuará co curso “Como se Visita un Museo”, neste caso cunha conferencia arredor das posibilidades do Museo de Lugo, analizando pormenorizadamente a obra do escultor Asorey que atesoura este Museo.
Entrada libre ata completar aforo.
Aurelia Balseiro García.- Licenciada con grao en Xeografía e Historia pola USC coa especialidade de Museoloxía (1985-1990). Diploma de Estudos Avanzados pola USC (1993). Autora de máis dun cento de publicacións en revistas, prensa, boletíns, actas de congresos ou en libros colectivos con temas relacionados coa arqueoloxía do ouro, o patrimonio, a historiografía, a arte, os artistas, os museos, etc., e de libros sobre ourivería castrexa: Oro prerromano en la provincia de Lugo (1994); Diademas áureas prerromanas. Análisis iconográfico y simbólico de la diadema de Ribadeo / Moñes (2000). O Torques de Burela. A xoia do noso patrimonio (2013). Editora científica e coautora de A Colección de ourivería antiga do Museo Provincial de Lugo (2018), da publicación dixital Percorridos pola colección Numismática do Museo Provincial de Lugo (2021) e De monetaria galega. Galiza e a súa moeda dende a Antigüidade ata os nosos días (2023). Recentemente publicou O Museo Provincial de Lugo. Orixe e consolidación (1932-1982) (2022).

